+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O TÉ GALEGO VOLVE A ‘ETIQUETA NEGRA’ E PRESENTARASE ‘EMPARELLADO’ CON OUTROS PRODUTOS DA FEIRA


A Estación Fitopatolóxica de Areeiro presentará o té galego a través de varias sesións, que se complementarán con produtos elaborados co seu propio té
Melité e Bico de Xeado utilizaron té producido na EFA para realizar unha mostra de refresco baixo en calorías e un xeado que se poderán degustar única e exclusivamente nas sesións da tetería da Deputación
Serán cinco sesións en tres días e, aínda que son gratuítas, será preciso inscribirse para poder participar
A Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, volve organizar cinco sesións sobre o té galego no marco da feira gourmet ‘Etiqueta Negra’, que este ano se complementarán con dous produtos realizados con té procedente da EFA a cargo de dúas marcas comerciais participantes na propia Feira. Trátase da iniciativa ‘EN_PARELLA té. O té galego en duetos’ coa que a Deputación non só quere difundir as calidades do té galego senón que tamén quere ofrecer ao público unha mostra de como o té se pode introducir en produtos gourmet e de consumo cotián. “Nesta edición daremos un paso máis na difusión do té galego” asegura a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, quen engade que “continuaremos ofrecéndolle ao público sesións sobre o cultivo, as propiedades e a preparación do té, ao tempo que difundimos o seu uso na elaboración doutros produtos comúns como son un xeado e un refresco saudable e baixo en calorías”.
Ao igual que nas edicións anteriores, a Deputación instalará unha tetería na que realizará cinco sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, propiedades e a forma correcta de preparalo. De xeito específico estas sesións terán como eixo central o té producido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, e para iso persoal da EFA explicará os procesos de cultivo, recolección e preparación, incluíndo unha ‘cerimonia do té’ completa. En cada sesión degustarase, ademais do té, un dos produtos producidos con té especificamente para esta ocasión. Para participar nestas sesións establécese un máximo de 20 participantes en cada unha e será imprescindible inscribirse con antelación na propia tetería.
“Este ano as sesións continuarán o camiño que levamos iniciado neste mandato de difusión do té galego, tanto como produto de consumo como de alternativa real de cultivo, porque aínda queda moito camiño por facer no eido da produción e da difusión do seu uso como materia prima e pensamos que Etiqueta Negra é un marco idóneo para avanzar nesa dirección” asegura Eva Vilaverde. A deputada lembra que “a experiencia dos dous anos anteriores nesta feira fíxonos ver o gran interese que espertaron estas sesións entre o público xeral, e esperamos que na edición que se vai celebrar esta fin de semana se incremente tamén o interese por parte de produtores e profesionais para que vexan o té como un produto habitual e con posibilidades para ser incorporado na nosa gastronomía”.
EN_PARELLA té. O té galego en duetos
Nas últimas semanas, dúas firmas comerciais que participan na edición deste ano de ‘Etiqueta Negra’ estiveron probando o té producido na última colleita da EFA como materia prima dos seus produtos. Así, desde a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, creadora da marca ‘Bico de Xeado’, estiveron traballando na elaboración dun xeado de té verde, cuxo resultado final se poderá degustar en tres das sesións que terán lugar na tetería da Deputación. “Foi unha experiencia moi interesante experimentar cun novo produto que está tendo unha gran aceptación entre o público como é o té” asegura Julia Rey, responsable de comunicación da Cooperativa. Julia Rey asegura que “esta experiencia pode abrir a porta ao nacemento dun xeado cun novo sabor”, ao tempo que indica que “para nós o máis atractivo é poder contar con materia prima de proximidade, porque na medida do posible intentamos utilizar produtos cultivados aquí como a castaña ou o arando, e agora o té galego tamén nos ofrece esta posibilidade”. Nas sesións que se inclúa a degustación do xeado de té verde, contarase coa presenza de representantes de ‘Bico de xeado’ para explicar as características e o reto que supuxo a elaboración do mesmo.
Pola súa banda a empresa ourensá Melité aproveitará a súa asistencia á feira ‘Etiqueta Negra’ para lanzar ao público a súa produción de refrescos de té 100% naturais e baixos en calorías. Ademais deste lanzamento, Melité tamén aceptou a proposta da Deputación para probar o té producido na EFA e amosar os resultados en dúas das sesións da tetería. “Na primeira proba xa apreciamos que o resultado foi moi bo” asegura Hugo Pérez, Ceo e director comercial de Melité. Hugo Pérez tamén indica que “a nós encantaríanos poder empregar materia prima totalmente galega, agora xa empregamos mel de Galicia, e despois das probas co té da EFA vemos moito máis próximo o momento de producir refrescos de té 100% galegos”. Nas dúas sesións que se inclúa a degustación deste refresco tamén participarán representantes de Melité para explicar as particularidades desta bebida e as súas propiedades saudables.
Horarios das sesións e degustación de produtos realizados con té galego
Sábado 10 de novembro:
– 18:00 a 19:30 horas. Sesión e cerimonia do té a cargo de Carmen Salinero e de Pilar Vela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Degustación de xeado de té con ‘Bico de Xeado’
Domingo 11 de novembro:
– 12:00 a 13:30 horas. Sesión e cerimonia do té a cargo de Carmen Salinero e de Pilar Vela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Degustación de refresco de té baixo en calorías con ‘Melité’
– 18:00 a 19:30 horas. Sesión e cerimonia do té a cargo de Carmen Salinero e de Pilar Vela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Degustación de xeado de té con ‘Bico de Xeado’
Luns 12 de novembro:
– 12:00 a 13:30 horas. Sesión e cerimonia do té a cargo de Carmen Salinero e de Pilar Vela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Degustación de refresco de té baixo en calorías con ‘Melité’
– 18:00 a 19:30 horas. Sesión e cerimonia do té a cargo de Pilar Vela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Degustación de xeado de té con ‘Bico de Xeado’

Investigación e cultivo do té
Hai que lembrar que o té se prepara a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis. Esta especie de camelia pode atoparse habitualmente nos xardíns galegos como planta ornamental, pero tamén pode ser cultivada de forma intensiva para a produción de té para o consumo familiar ou para a venda. Na investigación e asesoramento sobre os usos produtivos da camelia ten un papel determinante a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, que a día de hoxe conta con máis de 5 hectáreas dedicadas ao cultivo de diferentes especies froiteiras e ornamentais, entre as que destaca unha importante colección de camelias con máis de 40 especies e 700 cultivares. O equipo de investigación da EFA ten realizado estudos sobre o comportamento das especies de camelia xa establecidas en Galiza, e conta cunha plantación experimental de té de Camellia sinensis utilizada para analizar o comportamento e adaptación desta especie. Actualmente, nas instalacións do centro tamén se procede ao procesado e manufacturado do té cultivado.
Este traballo investigador da EFA deu como resultado a posibilidade de que Galiza converta o té nun cultivo que aporte novas liñas de desenvolvemento para o sector produtivo. Despois de 10 anos analizando variedades e comprobando cal é a que mellor se axusta para estes fins, a EFA lidera un proxecto único en todo o Estado asesorando a emprendedores e empresas que están a apostar polas plantacións dedicadas á produción de té 100% galego.

Deja un comentario