+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PRETO DE 200 PERSOAS PARTICIPAN DURANTE ESTA FIN DE SEMANA NO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO”


Veciñas e veciños de Forcarei, A Estrada e Vigo realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e valor turístico

O programa “En Ruta coa Depo” organiza esta fin de semana tres novas excursións nas que participarán máis de 160 persoas de tres concellos da provincia. Estas actividades permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas da Fundación Juan Soñador de Vigo farán unha ruta por Arousa. Coñecerán a Illa da Toxa e desfrutarán dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación). Tamén van visitar O Grove, Museo da Salga e farán un paseo pola zona e xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, case 60 persoas pertencentes á Asociación Sociocultural O Can de San Roque de Forcarei e outras tantas da Asociación Veciñal Santa Eulalia de Matalobos da Estrada van coñecer o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017, participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” máis de 17.500 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 xa foron adxudicadas case 22.000 prazas.

Deja un comentario