+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA DESTINA PRETO DUN MILLÓN DE EUROS A OUTROS TRES CONCELLOS DA PROVINCIA


Con estas novas achegas aprobadas en Xunta de Goberno financiaranse importantes actuacións en Baiona, Vilagarcía e A Lama que, no seu caso, pecha o Plan Concellos deste ano

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos para tres municipios da provincia no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos. Trátase dun total de 945.003,80 euros para A Lama, Vilagarcía de Arousa e Baiona.

En primeiro lugar, o goberno de Carmela Silva aprobou unha achega de 149.102,80 euros para A Lama que serán destinados á execución dun depósito para almacenamento de auga e unha rede de distribución con acometidas domiciliarias para as e os habitantes de Aredo, Barreiras, Outeiro e Xesta, todas elas na parroquia de Xesta. É a última achega do plan Concellos deste ano para a vila que completa así os seus investimentos. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra puxo a disposición da Lama 814.328,90 euros, un 73,58 % máis que en 2017.

Amais, o goberno vén de aprobar unha achega por un valor total de 166.701 euros para Vilagarcía de Arousa. Con este investimento da Deputación de Pontevedra a vila do Salnés poderá adquirir un camión con equipo aspirador-impulsor destinado á limpeza da rede de saneamento. Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Vilagarcía 2.411.533,08 euros, o que supón un 72,62% máis que o ano pasado.

Por último, para Baiona, o Goberno provincial autorizou un importante investimento de 629.200 euros para levar a cabo a reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís. Este ano, a través do Plan Concellos, a institución provincial puxo a disposición de Baiona 1.582.966, o que supón un 76,71 % máis que no exercicio anterior.

Deja un comentario