+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A FEMP ENXALZA AS BOAS PRÁCTICAS DESENVOLVIDAS POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA FIXAR POBOACIÓN NO RURAL E COMBATER O DESPOBOAMENTO


Soamente 15 deputacións de todo o Estado, entre as que se situou a de Pontevedra, conseguiron que as súas propostas fosen recollidas como axeitadas pola FEMP para combater o despoboamento rural

Carmela Silva anunciou no encontro da Comisión de Deputacións da FEMP que a Deputación vai poñer en marcha un novo proxecto para acollerse ao RD 1234/2018 a través do cal se van beneficiar 500 mozas e mozos de 31 concellos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción tras coñecer que a Comisión de Deputacións da FEMP, na reunión celebrada esta mañá en Santa Cruz de Tenerife, recolleu as propostas da institución pontevedresa como boas prácticas para fixar poboación no rural. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra xunto con outras 14 de España, foron as únicas que conseguiron que as súas propostas fosen recoñecidas como axeitadas para combater o despoboamento rural.

No encontro celebrado en Tenerife, Carmela Silva tivo a oportunidade de presentar as iniciativas que a institución está a liderar para fixar poboación no rural. A presidenta provincial fixo fincapé na necesidade de garantir equipamentos sociais e deportivos en todo o territorio provincial para combater o despoboamento. Neste eido, Silva mencionou plans como o PICEI ou o Plan de Reequilibrio que están encamiñados a equilibrar equipamentos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Outra das liñas que deu a coñecer Silva como necesaria para fixar poboación é a articulación de medidas para equilibrar a desigualdade de xénero garantindo a permanencia da muller no rural. En concreto, a presidenta mencionou as iniciativas que está a liderar a Deputación de Pontevedra en materia de emprego, emprendemento e formación que implican a discriminación legal positiva, apostando pola contratación das mulleres e da mocidade.

Tamén explicou Silva a necesidade de apostar polas novas tecnoloxías para combater o despoboamento rural e acadar territorios máis intelixentes. Neste eido, a presidenta da Deputación referiuse a programas como SmartPeme, a iniciativas tecnolóxicas de apoio ao sector turístico como o Tourist Inside Rías Baixas, ou de apoio a outros sectores mediante as novas tecnoloxías como o proxecto Viñas Atlánticas. Igualmente mencionou o xeoportal IDEPO e o proxecto de administración electrónica para axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes a cumprir coas obrigas da Lei 30/2015.

Ademais, e en canto a medidas lideradas pola Deputación de Pontevedra para fixar poboación no rural, a FEMP tamén acolleu as boas prácticas da institución pontevedresa relativas ás axudas ao sector forestal para preservar, mellorar, e destacar valores naturais e culturais ademais de implantar medidas fronte a incendios forestais. Do mesmo xeito, tamén se tiveron en conta os programas formativas para a mellora, produción, cultivo e comercialización dos produtos agrarios e proxectos como Protura ou Depoverde.

Noutra orde de cuestións, durante o encontro da Comisión de Deputacións da FEMP tamén se fixo mención ao novo Real Decreto 1234/2018 de 5 de outubro polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa de subvencións a entidades locais para a financiación de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo dirixidos a afrontar o reto demográfico nos municipios de menor poboación. Neste eido, a presidenta da Deputación aproveitou este punto na orde do día da Comisión de Deputacións da FEMP para felicitar ao Goberno do Estado pola posta en marcha deste decreto e por ter en conta as opinións dos organismos intermedios coa organización de xornadas como a que terá lugar o 13 de novembro en Madrid e ata a que se desprazará a deputada de Emprego Montse Magallanes.

Carmela Silva anunciou que a Deputación de Pontevedra ten xa unha proposta que levará o vindeiro martes a Madrid á reunión convocada polo Ministerio para afondar no Real Decreto. Máis polo miúdo, a presidenta adiantou que a institución provincial vai presentarse á convocatoria cun proxecto de formación específica en turismo, medio ambiente e tecnoloxías de 200 horas, destinado o 500 mozas e mozos de entre 16 a 22 anos dos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, AS Neves, Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces. En total, o proxecto conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros e está previsto que se desenvolva ao longo de 2,5 anos.

Finalmente, a presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para formular ante a Comisión de Deputacións da FEMP a necesidade de facer chegar a Europa que cada vez que se aproben instrucións de financiamento se teñan en conta ás entidades locais e deputacións. Deste xeito “poderemos dar a coñecer cales son as dificultades de cada territorio e poderanse desenvolver programas e medidas axeitadas ás nosas necesidades reais”.

Deja un comentario