+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CPI DE MONDARIZ CONTARÁ CUNHA PASARELA CUBERTA NO INTERIOR DO RECINTO ESCOLAR


A estrutura peonil permitirá a intercomunicación das tres estruturas que compoñen o centro escolar de cara a brindar protección nos días de choiva

O Concello de Mondariz iniciará en breve as obras de construción dunha pasarela cuberta peonil non CPI de Mondariz que permitirá que os tres edificios con que conta este centro —aulario infantil, vivendas do profesorado e o bloque que contén as instalacións e aulas— estean intercomunicados e alumnado e profesorado poidan circular entre eles debidamente protexidos en días de choiva. O proxecto conta cun orzamento de 30.415,49 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e 6.000 euros máis que achega a Xunta de Galicia.
O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, xustificaba a necesidade da obra ao contar co colexio “con tres edificacións illadas entre si e que rexistran un tránsito diario entre eles de profesorado e alumnado”.
Nos días de choiva, frecuentes durante o curso escolar, os desprazamentos tiñan que realizarse sen ningún tipo de protección, “polo que era preciso dar unha solución urxente e que, dende o punto de vista arquitectónico, non rompera coa contorna inmediata”.
A pasarela proxectada, tal e como figura no proxecto, “mellorará as condicións de «desabrigo»” xa que, de cara a brindar a maior protección posible, o maior treito fixarase ao edificio residencial, co que se consegue que a propia estrutura sirva de abrigo e amparo do vento xa que, dita edificación está orientada ao Sur, “o que favorecerá as condicións de abrigo fronte a choiva”, explica o proxecto.
O principal problema, sinala o alcalde de Mondariz, presentábase na entrada do edificio principal xa que, explica Xoán Carlos Montes, “tiña que ter unha altura capaz de facilitar o paso dos vehículos de mantemento”. Precisamente por este motivo, ese primeiro treito, sinala o proxecto presentado ao Concello de Mondariz, “estará máis limitado no seu deseño e contará cunha xeometría distinta ao resto dos tramos”.
Era importante, sinala o rexedor local, “buscar unha alternativa construtiva que reunira certos criterios como o de non sumar opacidade, durabilidade, e adecuación ao uso ao que estaba destinado”.
De feito en previsión de que, en un momento dado e por diversas circunstancias, se tiveran que realizar obra de calado no centro escolar que precisasen do paso de medios mecánicos pesados, o sistema da pasarela peonil contará con treitos facilmente desmontables.
De cara a non romper coa contorna, os elementos utilizados para a construción desta pasarela peonil, serán o policarbonato —xa presente noutros elementos existentes—, aceiro inoxidable e aluminio anodizado natural. Deste xeito, a solución proxectada “harmoniza co conxunto de edificacións xa que solucións parellas xa están actualmente incluídas en diferentes elementos do recinto escolar”.
Trátase, resume o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, de “ofrecer unha maior comodidade á comunidade educativa que, diariamente utilizan estas instalacións e que nos días de mal tempo, estaba completamente exposta ás inclemencias meteorolóxicas nos seus desprazamentos entre as distintas dependencias do centro”.

Deja un comentario