+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

O CONCELLO REFORZA A COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES COEMPO


O convenio anual increméntase ata os 12.000 euros para facer posible unha ducia de actividades

Ponte Caldelas continuará beneficiándose das actividades de dinamización social e comercial que organizan conxuntamente a asociación de comerciantes, Coempo, e o Concello. O convenio de colaboración anual crece neste exercicio ata os 12.000 euros, cun importante incremento sobre os 10.000 do ano pasado.
O acordo quedou asinado hoxe polo alcalde, Andrés Díaz, e o presidente da entidade, Jesús Peleteiro, que reiteraron a satisfacción mutua que produce un acordo que redunda en beneficio de Ponte Caldelas, como referencia comercial para toda a bisbarra. Na xuntanza aproveitouse tamén para ir adiantando as primeiras liñas da nova edición do concurso de tapas Caldelas Tapas Quentes que o Concello, en coordinación coa hostalería local, está a organizar para o próximo mes de decembro.
O Goberno local caldelán, integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, sufraga, desta maneira, boa parte do custo dunha ducia de actividades ao longo do ano, principalmente enfocadas á animación nas campañas de compra. Materialízase na Cabalgata de Reis, na Feira de Oportunidades, nas campañas de Nadal, do Pai e da Nai, de San Valentín, Rebaixas, Fin de Curso, Magosto e Nadal. Sen esquecer tamén o reparto de bolsas de promoción para animar ás compras no comercio local.
A colaboración entre Concello e comerciantes non fixo outra cousa que estreitarse ao longo deste mandato municipal. O entendemento chega ao punto de que o programa de man das festas de verán, incita tamén a mercar no comercio de Ponte Caldelas incluíndo unha completa guía de todos os locais.
O Goberno local entende ao sector comercial como un socio ineludible co que hai que colaborar en beneficio de Ponte Caldelas. “É unha alianza non só natural, senón necesaria para fortalecer a Ponte Caldelas”, afirma o alcalde.

Deja un comentario