+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

MONDARIZ, MONDARIZ BALNEARIO E COVELO SOLICITAN UNHA REUNIÓN CON VÁZQUEZ ALMUÍÑA POLA CONSULTA DE PEDIATRÍA


A Xunta de Galicia desminte ao Concello de Mondariz o peche do servizo

Os alcaldes de Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo, Xoán Carlos Montes Bugarín, José Antonio Lorenzo e Juan Pablo Castillo, mantiveron no día de onte unha xuntanza no Concello de Mondariz, para tratar o problema que, para aos tres concellos, supón que o Centro de Saúde de Mondariz, deixe de prestar a consulta de pediatría “mentres non se resolva o concurso de traslado da actual pediatra”.
De feito, a non prestación do servizo de pediatría é, segundo sinala o alcalde de Mondariz, “un problema que ten xa un carácter supramunicipal, xa que o servizo tamén atende nenos e nenas de Covelo e Mondariz Balneario”.
Os tres alcaldes, que solicitaron xa unha reunión “de carácter urxente” co conselleiro Vázquez Almuíña, piden que “de xeito inmediato” se dote ao Centro de Saúde de Mondariz “dun facultativo/a en tanto non se resolva o antedito concurso de traslado e continúe a baixa da actual”.
Mentres, o alcalde de Mondariz, Xoan Carlos Montes Bugarín, explicou aos rexedores locais de Mondariz Balneario e Covelo, que “distintas fontes autorizadas da Xunta de Galicia, coincidiron en desmentir, con rotundidade, o peche do servizo de pediatría” explicando que o cese provisonal da súa actividade, “vén dado pola baixa da facultativa e polo concurso de traslado da que, ata agora, era a pediatra titular e, en ningún caso, pola eliminación de dito servizo”.
Xoán Carlos Montes, que valora estas afirmacións “con toda clase de reservas”, considera non obstante “unha grave irresponsabilidade falar, como algún cargo político o fixo onte en prensa, do peche de pediatría do Centro de Saúde de Mondariz, contribuíndo a crear aínda máis alarma, entre as familias, da que xa propicia a actual situación”.
O rexedor local asegurou que “é momento de traballar para buscar unha solución o máis rápida posible” e nesa liña, subliñóu, “estamos dirixindo todos os nosos esforzos os alcaldes dos tres municipios afectados”. “O certo é que non consentiremos, baixo ningún concepto, que os nosos nenos e nenas quedan sen a atención médica que, por dereito, lles corresponde e que recolle a Constitución no seu artigo 43 ao sinalar “o dereito á protección da saúde e a atención sanitaria de todos os cidadáns”.

Deja un comentario