+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

A DEPUTACIÓN DESTINA A REDONDELA UNHA NOVA ACHEGA DO PLAN CONCELLOS POR PRETO DE 50.000 EUROS


Con este investimento o goberno de Carmela Silva financiará o acondicionamento e mellora de camiños

A deputada provincial Digna Rivas informou hoxe da aprobación, mediante unha resolución presidencial, dun novo investimento a Redondela ao abeiro do Plan Concellos por un total de 47.978,64 euros. Trátase dunha axuda que se destinará ao acondicionamento e mellora do camiño San Pote, Cedeira e do camiño de Arango, Redondela.

O goberno provincial, a través do Plan, xa adxudicou outras axudas para a vila co fin de subministrar caucho para a mellora das condicións funcionais do céspede artificial de dous campos de fútbol, a subministrar o equipamento deportivo para a pista deportiva da alameda de Redondela, a acondicionar e mellorar o camiño da Granxa de Vilar (Vilar), o camiño da Barronca (Cesantes) e camiño da Cabadiña (Cedeira), a reordenar o aparcadoiro anexo á alameda de Chapela, subministrar un piano de cola para o edificio multiusos da Xunqueira, subministrar dúas cortinas verticais para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, subministrar un palco modular para a celebración de distintos eventos na parroquia de Chapela, subministrar megafonía para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, o pavillón de Redondela e o pavillón de Chapela, acondicionar e mellorar a Rúa Campo das Redes e a Rúa Hospital, renovar as redes de saneamento e abastecemento na rúa Patrimonio, sanear os camiños Mouriño, Paparoxo e Subida Rabexa e mellorar camiños municipais no Viso e en Reboreda.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 111.669,37 euros a gastos correntes relacionados coa enerxía eléctrica e o servizo de xestión tributaria. Tamén, outros 227.128,81 euros foron destinados á financiación da contratación de traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

A Deputación destina este ano a Redondela, a través do Plan Concellos, un total de 2.005.212,11 euros, un 72,85 % máis que en 2017.

Deja un comentario