+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

MONDARIZ INSTALA UNHA ESTUFA DE PELLETS NA ESCOLA DE LOUGARES


O Goberno local segue apostando pola utilización de enerxías renovables para a calefacción de locais públicos

A escola de Lougares conta, desde este mesmo mes, cunha estufa de pellets, reforzando a aposta que o Goberno local fai a prol das enerxías renovables á hora de dotar de calefacción aos locais de titularidade pública. A instalación desta estufa fíxose con cargo ao sobrante das baixas xeradas nos investimentos do Plan Concellos 2016 e supuxo un investimento de 1400 euros.
Xoán Carlos Montes Bugarín, alcalde de Mondariz, lembrou a importancia de utilizar combustibles como o pellet “fabricado a base de residuos totalmente vexetais”. O Concello optou por este sistema de calefacción xa que, explica o rexedor local, “é un sistema capaz de quentar rapidamente un amplo espazo cun baixo gasto enerxético, o que supón un aforro enerxético e económico”.
Nese sentido, lembraba Xoán Carlos Montes, que a composición do pellet, a base de serrín prensado e virutas de madeira, o converte non só “a alternativa máis ecolóxica á enerxía térmica” senón tamén, e dada a súa composición, “no combustible máis barato do mercado.
A Escola de Lougares, de titularidade municipal, conta cunha gran sala na que se desenvolven diversas actividades culturais e sociais e que debido á ausencia de calefacción, tiñan complicada a súa realización nos meses de inverno. A instalación desta estufa permite, polo tanto, un mellor aproveitamento das instalacións, independentemente da época do ano de que se trate.
Cómpre salientar a decidida aposta que o Concello de Mondariz vén realizando en prol das enerxías renovables. Non hai moito tempo e seguindo esa liña de sustentabilidade medioambiental e aforro enerxético, o Goberno local instalou un sistema de calefacción de biomasa na escola ‘Pé do Muíño’ de Riofrío, onde se atopa a Escola Municipal de Música e as aulas do Centro de Formación.

Deja un comentario