+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

SATISFACCIÓN EN PONTE CALDELAS TRALO ACORDO DA XUNTA DE GALICIA DE INICIAR AS EXPROPIACIÓNS NA PO-234


O Concello reitera a súa vontade de cofinanciar as obras cun convenio pioneiro e vería con bos ollos a inclusión dunha senda peonil

O Concello de Ponte Caldelas acolle con satisfacción o acordo alcanzado onte polo Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba o proxecto e as expropiacións da estrada autonómica PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso, así como os compromisos para licitar estas obras de inmediato e a última fase, entre Laxoso e Portasouto, o ano próximo.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) reitera a súa disposición para asinar, no momento en que a Consellería de Infraestruturas estime oportuno, o convenio pioneiro que o Concello puxo sobre a mesa en xaneiro de 2016. O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que ben está o que ben acaba, porque, aínda que teñamos tardado demasiado e dado demasiadas voltas para chegar ata aquí, a obra é absolutamente necesaria e a seguridade viaria sempre foi o prioritario para nós.
O alcalde agarda que a conselleira, á que xa lle solicitou varias veces unha xuntanza, poida recibilo agora canto antes para pechar os detalles desta singular colaboración, pola que Ponte Caldelas achegará 40.000 euros para cofinanciar unha obra da exclusiva competencia da Xunta de Galicia. Engade que trátase dun importe mesmo superior ao das expropiacións (valoradas en menos de 30.000 euros) polo que toca falar dun cofinanciamento entre institucións das obras integrais dunha estrada autonómica.
Dende o Concello dan por rematada calquera discrepancia ao respecto deste asunto, aínda que lembran que a Consellería expropiou con total normalidade en ducias de obras dende que xurdiu o conflito da PO-234, entre elas dúas estradas nesta mesma bisbarra, como a PO-230 e a PO-235 nos concellos de A Lama e Cerdedo-Cotobade.
O Concello caldelán ven suxerindo que se aproveiten tamén as obras para construír unha senda peonil entre Ponte Caldelas e Laxoso, aspecto que redundaría aínda máis na mellora da seguridade. Non obstante, adiantan dende o Goberno local, este tema non impedirá a sinatura do convenio “porque o importante é que a obra se execute e estamos realmente orgullosos de facela posible coa nosa colaboración”.
O feito de que a senda non figure no proxecto aprobado non debería ser obstáculo, matizan, toda vez que xa se fixo en Augasantas, durante a primeira fase das obras da PO-234, nas mesmas circunstancias.

Deja un comentario