+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CONCELLO DE MONDARIZ FINALIZA AS REFORMAS DO AUDITORIO DO CENTRO SOCIAL


As obras, que contaron cun investimento de máis de 62.000 euros, foron cofinanciadas pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos
O Concello de Mondariz vén de rematar as reformas do Auditorio do Centro Social, de cara a facelo máis accesible e, ao mesmo tempo, adaptalo ás esixencias das artes escénicas para permitir o desenvolvemento de espectáculos teatrais de distintas características.
O Auditorio do Centro Social agora está dotado da denominada ‘caixa negra’, un espazo rectangular que cumpre a función de delimitar o escenario e de ocultar ao público aquelo que non debe ver e, polo tanto, permite que centre a súa atención na escena; tamén mellora a acústica coa eliminación de ecos e, a maiores, permite que as compañías poidan montar os seus propios decorados sen estar influídos pola cor orixinaria do propio escenario.
Por outra banda, a reforma inclúe unha nova iluminación e novo equipo de son, rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida e dúas butacas adaptadas para persoas con minusvalía.
Trátase, segundo o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, de “contar cun espazo adecuado para calquera tipo de actuación e actividade cultural”. Amais, sinala o rexedor local, “era precisa unha reforma para garantir a accesibilidade ao Auditorio a todas as veciñas e veciños”. A dotación de dúas butacas específicas para persoas con discapacidade “permite que todas e todos poidan ter acceso ao Auditorio e, polo tanto, á Cultura sen ningún tipo de impedimento”.
As obras contaron cun investimento de 62.093,65 € que foron financiados cunha achega da Xunta de Galicia de 14.000 euros e o resto con cargo ao Plan Concellos, unha parte ao do 2017 e a contía maior ao do 2018.

Deja un comentario