+034 986 09 02 04 Venres 23 de Agosto de 2019

O GOBERNO LOCAL DO PORRIÑO ACOMETE UNHA DAS MEIRANDES ACTUACIÓNS EN ACCESIBILIDADE COA INVERSIÓN DE MÁIS DE 90.000€ NA CONTORNA DE DOMINGO BUENO, RÚA SAN BENITO E ACCESO AO CEMITERIO MUNICIPAL


A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, vén de rematar o acondicionamento de beirarrúas para mellorar a accesibilidade na contorna da Avenida de Domingo Bueno, rúa San Benito e acceso ao Cemiterio Municipal
“Este proxecto segue a facer realidade a vontade do Concello de mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil nas nos rúas e prazas, algo que vimos demostrando dende que asumimos o Goberno Municipal”, sinala Manuel Carrera.
As obras, co-financiadas pola Consellería de Política Social, dentro do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, veñen a actuar nunha parte do Porriño que non cumpría a normativa legal en materia de accesibilidade.
Os traballos abrangueron catro áreas de actuación: a beirarrúa dende o aparcamento do supermercado Eroski ata o cruzamento coa rúa Fernández Areal,; o paso de peóns de San Benito, que atravesa o Parque; beirarrúa dende a escaleira anterior ata a rúa San Sebastián, xunto co paso de peóns cara ao parque e o cemiterio e a o propio acceso ao camposanto que “tiña uns problemas evidentes de accesibilidade”.
Como sinala Manuel Carrera, esta actuación, que contou cun orzamento de máis de 90.000€, “é unha das máis importantes realizadas polo Goberno local en materia de accesibilidade” e supuxo o ancheado da beirarrúa que chega a o paso peonil de Fernández Areal e a substitución do pavimento que estaba danado; fíxose unha “resolución” dos dos cruzamentos, á altura da rúa San Benito, que se refixeron na súa totalidade establecendo unha pendente acaída e sen resaltes, o mesmo que o paso de peóns de cruce da avenida.
Por último, subliña o concelleiro de Vías e Obras, “soluciónase o problema de accesibilidade ao cemiterio cunha nova rampla e unha nova escaleira, ademais da actuación na súa contorna inmediata, a eliminación dos catro chanzos existentes que había no camiño de pedra que daba entrada ao camposanto e creando no seu lugar unha rampla con menos do 6% de desnivel”.

Deja un comentario