+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

PIÑEIRO ESIXE A PONTEVEDRA QUE DESBLOQUEE O TRANSPORTE METROPOLITANO, QUE PERMITIRÁ AFORRAR 4.300 EUROS ANUAIS AOS MORAÑESES


A alcaldesa, que lembra que os colectivos veciñais da capital xa llo piden ao seu Concello, quere activar os descontos de ata o 60% nos billetes

 

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de reiterar a súa esixencia ao Concello de Pontevedra para que se aveña a adherirse ao Plan de Transporte Metropolitano, impulsado pola Xunta e apoiado polos outros once municipios da área da capital provincial, e que abandone a súa postura de bloqueo a este proxecto de mobilidade.

A rexedora local cre, como o resto de concellos, que este sistema de transporte “é fundamental para vertebrar e mellorar a conectividade da bisbarra” e insistiu nas súas esixencias tras analizar o documento marco deste plan, que recolle que os morañeses fan 4.000 viaxes anuais nesta contorna e que na práctica totalidade se dirixen cara Pontevedra. Por elo, estima que os veciños de Moraña poderán aforrar ata 4.300 euros anuais nos seus desprazamentos por esta área grazas ao sistema de descontos, de ata 1,07 euros por tique de percorrido, contemplado pola Consellería de Infraestruturas.

Piñeiro explicou que na actualidade o prezo do billete entre Moraña e a capital é de
1,80 euros e, dado que no plan de transporte se contempla que a conexión entre ambos concellos sexa só dun salto, pasaría a situarse en 86 céntimos para os posuidores da tarxeta de área metropolitana e en 73 para aqueles que fagan máis de corenta viaxe mensuais. “Estamos falando dun aforro de entre o 50% e o 60% do que os veciños de Moraña, e milleiros dos demais municipios da contorna, non podemos beneficiarnos pola pechazón do goberno nacionalista de Pontevedra”, sinalou.

A alcaldesa cre que detrás desta postura do Concello de Pontevedra “ou hai algo que se nos escapa ou trátase dunha cuestión político-electoral”, unha circunstancia que rexeitou que se poida adoptar nun caso coma este, “xa que o único que fai é perxudicar aos máis de 188.000 cidadáns dos doce concellos desta área”.

Piñeiro non entende ademais porque o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, mudou de postura, xa que lembrou que hai unha década reclamaba que se artellara un sistema de transporte para a súa cidade e a contorna. Ademais, engadiu que a implantación da rede de autobuses metropolitana “é unha demanda social non

 

só de toda a bisbarra, senón tamén da maioría dos colectivos e sectores máis representativos da capital” e puxo como exemplos, só nesta última semana, ao PP como principal grupo da oposición ou á Federación Castelao, que é o colectivo veciñal máis importante e que puxo sobre a mesa esta necesidade como fundamental na reunión para preparar os orzamentos municipais de 2019.

“Máis aló de que é imprescindible para toda a zona, no caso de Moraña permitirá que os usuarios acaden importantes aforros e conten, a curto prazo, con máis e mellores frecuencias, o que redundará no beneficio dos nosos veciños ao reforzar a conectividade coa capital e tamén da propia cidade de referencia polas potentes sinerxias que se crearán”, concluiu.

Deja un comentario