+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O CONCERTO DO KILO SOLIDARIO VOLVE O PRÓXIMO DÍA 1 A PONTE CALDELAS


Os Coribantes e “amigos” ofrecerán 90 minutos de música para axudar ás familias máis necesitadas

A discoteca de Ponte Caldelas acollerá o próximo día 1 de decembro, sábado, a décima edición do Concerto Kilo Solidario, un evento co que se pretende xuntar unhas tres toneladas de alimentos non perecedoiros. A entrada será gratuíta e só haberá que doar un paquete de produtos alimenticios. A recadación será entregada a Cáritas e aos Servizos Sociais municipais e vai supor unha importante axuda para atención ás persoas en situación de necesidade do municipio.
O festival, que conta coa organización conxunta da banda de gaitas e baile Os Coribantes e do Concello de Ponte Caldelas, conta tamén coa colaboración da Deputación Provincial. No acto de presentación participaron o alcalde, Andrés Díaz; Ángel Rodríguez e Chelo Pazo (director musical e directiva dos Coribantes, respectivamente), Roberto Ricón (directivo da asociación comercial Coempo) e Manuel Lois (presidente de Cáritas).
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apostou hai tres anos por traer para a localidade un festival que se tiña celebrado nas súas sete primeiras edicións en Pontevedra e que entregaba a recompilación de alimentos ao comedor do convento de San Francisco. Xa dende entón son as familias caldelás en risco de exclusión social as que se benefician dun evento feito dende Ponte Caldelas e para Ponte Caldelas.
Recoméndase a entrega de paquetes de produtos non perecedoiros e, a título de suxestión recoméndase que sexa fariña, pasta, lentellas, arroz e legumes en xeral.
Na campaña colaboran tamén os supermercados Froiz e Día de Ponte Caldelas, onde é posible deixar os paquetes dos alimentos non perecedoiros para a súa entrega, e nos que se fará tamén un acto promocional específico.
En canto á programación musical deste X Concerto Kilo Solidario está composta polos Coribantes, que irán intercalando as súas actuacións con amigos, entre os que destacan Manoele de Felisa, compoñentes de A Roda, As Maianas, o percusionista Andrés Vilán, o gaiteiro do Carballiño Isidro Vidal, Juan Viñas (acordeonista de Poio) e Samuel Souto (bouzoukista).
Estímase unha duración en torno a 90 minutos e ao remate servirase chocolate quente con rosca, cedida polas panadarías locais.
O evento é o primeiro do Decembro Solidario programado polo Concello, integrado por tres actuacións para cubrir os sábados deste mes. A seguinte estará a cargo do grupo Os Catro Ventos e a última contará coa participación de todos os grupos de música popular caldeláns.

Deja un comentario