+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O CONCELLO REMATA A REHABILITACIÓN DO FONTELAVADOIRO DE SENRA E PROMOVE DOUS DEPÓSITOS DE AUGA EN BORELA


Jorge Cubela e Bruno Portela visitaron a restaurada infraestrutura, á que se destinaron 20.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar o completo proxecto de rehabilitación do fontelavadoiro de Senra, na parroquia de Borela, ao que se adicaron 20.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta, co que se están recuperando sete infraestruturas similares no territorio de Cotobade.

Con motivo da finalización destes traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, e o concelleiro Bruno Portela achegáronse ata a zona para comprobar o resultado final dunha obra que incluíu limpeza, rexuntado, sellado, reparación de elementos danados, renovación da cuberta e analítica de augas.

Durante a súa visita á zona, Cubela anunciou que o Plan Parroquial de Investimentos de Borela
–o sétimo deseñado no municipio– vai continuar nas vindeiras semanas con melloras no sistema de abastecemento, xa que se van construir dous depósitos de augas, en Ponte Borela e Coutiño, cun investimento de case 100.000 euros.

Deste xeito, o presidente municipal especificou que a parroquia verá mellorados os seus servizos públicos e infraestruturas cunha partida global de 410.000 euros, na que se recollen os investimentos realizados nos últimos tempos, os que acaban de rematarse e os depósitos e a as pavimentacións proxectados.

En concreto, Borela xa conta co recén estreado parque infantil, que está concebido como unha gran área recreativa e de lecer xunto á Casa do Pobo, tamén remodelada hai pouco, e que dispón da primeira pista de petanca do termo municipal.

Ademais, na parroquia tamén se executaron numerosas melloras viarias na Brea, Fonte Sobreira, Pazos e Os Castiñeiriños, realizáronse canalizacións e recollidas de augas pluviais, acometeuse o arranxo de catro camiños en Pazos, construiuse o parque infantil de Pazos con
36.000 euros de investimento, o reforzo da seguridade na zona da igrexa cunha longa barandilla de madeira, a dotación de sinalización en todos os accesos dos lugares, o arranxo de varias fontes e a limpeza de fincas para a prevención de lumes forestais.

Deja un comentario