+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

A LECTURA DUN MANIFESTO, OBRADOIROS DE IGUALDADE PARA ESCOLARES E UN SERÁN DA MULLER CONFORMAN O PROGRAMA DO 25N


As iniciativas formativas para estudantes terán lugar de luns a xoves nos tres colexios públicos do municipio e no instituto de Tenorio

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechada a súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se vai desenvolver integramente ao longo da vindeira semana e que incluirá unha concentración con lectura dun manifesto, obradoiros de igualdade para todos os escolares do municipio e un Serán da Muller.

As actividades arrancarán o luns, 26 de novembro, cunha concentración na Praza do Concello da Chan e a posterior lectura dun manifesto no que se reiterará o rexeitamento absoluto á violencia de xénero, se amosará o apoio e solidariedade coas vítimas e a total repulsa cara os maltratadores e se esixirá a todas as administracións que redobren os seus esforzos para rematar con esta lacra social. O acto contará coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, as traballadoras e traballadores do Concello e estará aberto a toda a veciñanza, á que se quere convidar para que participe e faga máis visible a condena unánime da sociedade á violencia sexista.

Esa mesma xornada celebrarase o primeiro obradoiro de igualdade para a mocidade no CEIP de Carballedo. Estas iniciativas formativas extenderanse o martes 27 no centro educativo de Tenorio, o mércores 28 no colexio San Xoán Bautista de Cerdedo e, xa para rematar, o xoves 29 no IES de Cotobade, tamén situado na parroquia de Tenorio.

O programa clausurarase o vindeiro sábado, 1 de decembro, cun Serán da Muller con tintes reivindicativos a prol da igualdade e contra a violencia de xénero a partires das 20.00 horas na Casa do Pobo de Viascón. Esta actividade, que será gratuíta e con entrada libre ata completar o aforo, contará coas actuacións de As Lagharteiras e A Tajea.

Deja un comentario