+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

A Consellería de Cultura e Educación adxudicará en febreiro as obras de recuperación de pontes históricas da provincia de Pontevedra


Serán obxecto de melloras, por importe de máis de 196.000 euros, as pontes Liñares (A Lama), de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e do Demo (Silleda e Vila de Cruces)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten en licitación obras por importe de 196.598,34 euros para a recuperación das pontes Liñares (A Lama), de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e do Demo (Silleda e Vila de Cruces). As obras, que estarán adxudicadas no mes de febreiro, están cofinanciadas nun 80 por cento polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

De feito o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, asinaron hoxe o convenio para reparación da Ponte Liñares, co fin de arranxar os danos ocasionados na mesma por unha importante crecida do río no ano 2011, en concreto no seu estribo dereito. A intervención, cun orzamento de case 30.000 euros, consistirá na limpeza do ámbito de actuación, na construción de dous muros ancorados á roca natural para reforzar a parte baixa do estribo e na execución dun recheo con cal puzolánica tras o paramento augas abaixo.

Ademais desta na Lama, a Consellería ten xa en licitación actuacións en outras dúas pontes na provincia de Pontevedra. Así na Ponte de Fillaboa, no concello de Salvaterra, a Consellería investirá algo máis de 112.000 euros en obras de consolidación e restauración. Para iso, como se recolle no proxecto elaborado para tal fin, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tallamar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante. Na Ponte do Demo, en Carboeiro, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces, a Consellería investirá case 55.000 euros co obxectivo fundamental de repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar a súa estabilidade. A estes efectos encargouse un proxecto de restauración do tímpano e muro de encanamento da ponte. A actuación a desenvolver pasa por repoñer os elementos de fábrica perdidos, construíndoos de xeito máis sólido. A tipoloxía da nova fábrica a empregar será similar á orixinal da ponte, aínda que se diferenciará pola cor, textura e aparello perseguindo a integración estética.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica.

Deja un comentario