+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

REPRESAS OBRIGADO A MODIFICAR O ORZAMENTO APROBADO HAI UN MES POLA SÚA FALTA DE XESTIÓN E POLÍTICA DE IMPROVISACIÓN


O BOP publica o acordo plenario das modificacións de crédito e a cancelación dun crédito bancario que xa se podía cancelar no ano 2016

O PP denuncia o “ paripé” e “venda de fume” que fai Represas coa situación económica do Concello en Ponteareas.

Belén Villar lembroulle ao actual alcalde que as débedas históricas deste Concello non eran só xeradas polo PP senón tamén por outros partidos como BNG e PSOE que tamén gobernaron anos atrás. “Non culpe vostede de todo o malo ao PP. Vostedes en 2003 gobernaron en coalición co PSOE durante once meses e deixaron máis de tres millóns de euros de débeda. Non pagaron a seguridade social, non pagaron o servizo de lixo, non pagaron Sogama nin a moitas outras empresas que logo reclamaron os cobros con todos os intereses”, criticou Villar.
A popular mostrou documentación oficial e preguntoulles se sabían canta débeda xeraran ao Concello e canta se atoparon eles ao chegar en 2015- “Sabe canta débeda atopouse vostede cando chegou en 2015 ao goberno? Novecentos mil euros, nin sequera a contía que o seu goberno en coalición xerara en 2003-04. Cando eu cheguei a este Concello en 2012, moito despois de vostede que leva aquí desde 1999, todas esas facturas estaban sen contabilizar e sen pagar. O departamento que eu dirixía tivo que facer un gran esforzo para sacar á luz a situación real, que vostede coñece perfectamente, porque como xa lle dixen leva aquí moitos anos. Os gastos eran moito maiores que os ingresos, ata o punto que as obrigacións de pago superaban a estimación de ingresos de todo un exercicio”, explicou Villar.
O PP lembroulle tamén que a situación de crise, e a propia lei, foi a que obrigou a tomar medidas para sanear o Concello e a que impediu que se puidese realizar un orzamento. As modificacións de crédito que se aprobaron foron presentadas como alegación aos orzamentos hai un mes polo grupo popular. “Hai un mes que aprobou vostede un orzamento e xa o está modificando. Ademais o asunto é moi ridículo, porque desestimou as nosas alegacións que son precisamente o que hoxe trae vostede aquí para aprobar. Non nos estraña, porque vostedes, que votaron en contra de todas as medidas económicas que levaron a cabo nos últimos anos non cambiaron nin unha soa desde que gobernan. Nin sequera implementaron algunha nova, viven das medidas que tomou o PP no anterior mandato, polo que se hai unha mellora económica non é precisamente grazas a vostede, señor Represas, está a vivir de rendas”, criticou a portavoz.

O PP considera importante as modificacións para contabilizar definitivamente estes saldos que xa se habían pago anos atrás pero que non se lles deu cobertura ata agora. “Vostede non tiña porque usar o superávit para dar cobertura a estes saldos, podía xa facelo en 2016 que foi cando se terminaron as obrigacións de pago, pero faio agora, porque lle interesa vender que é grazas á súa xestión. Nós votamos a favor porque isto é o mesmo que lle pedimos nas nosas alegacións ao orzamento e tamén na conta xeral de 2017” resolveu Villar.

Deja un comentario