+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

O SERVIZO DE REUMATOLOXÍA DE PONTEVEDRA OUTORGA UN PAPEL PROTAGONISTA AOS PACIENTES NO CONGRESO ANUAL DA SOCIEDADE GALEGA DE REUMATOLOXÍA


O Hospital Provincial de Pontevedra acolle mañá unha xornada sobre enfermidades reumáticas cun formato innovador, no que participarán todos os axentes implicados na atención ao doente

O Hospital Provincial de Pontevedra acolle mañá, a partir das 10.30 horas, unha xornada de entrada libre e de balde para pacientes no marco do Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía, que este ano organiza os profesionais do servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O obxectivo é enviar unha mensaxe positiva ás persoas afectadas por unha enfermidade reumatolóxica, de aí que o lema da sesión sexa ‘Hai vida máis alá da enfermidade’. Así mesmo, o servizo de Reumatoloxía outorga un papel protagonista aos pacientes mediante un formato innovador, varias mesas redondas nas que participarán todos os axentes implicados na atención ao doente e nas que os pacientes poderán achegar as súas experiencias vitais, amosando como afrontaron a súa patoloxía e como superaron o diagnóstico.

A xefa de servizo de Reumatoloxía, a doutora Susana Romero, explica que “o paciente non só é unha patoloxía, é un ser humano que ademais de sufrimento físico, se a enfermidade non se controla de maneira axeitada, sofre no ámbito emocional e social. A atención en termos de excelencia obriga a unha abordaxe holística de todas as esferas afectadas na enfermidade”.

Por primeira vez se levará a cabo unha sesión na que se achegarán diferentes puntos de vista dende distintos ángulos e na que se tratarán enfermidades como a artrite, espondiloartrite, lupus sistémico e artrite idiopática xuvenil, entre outras. Participarán así nesta xornada tanto persoal sanitario do servizo de Reumatoloxía como reumatólogos, persoal de enfermaría e auxiliar de clínica da especialidade, ademais de pacientes e asociacións de pacientes, a Dirección da área sanitaria e a Consellería de Sanidade.

No caso das asociacións de pacientes, estas estarán presentes en cada mesa redonda para explicar o importante labor que realizan en canto ao apoio emocional que achegan aos pacientes, así como o asesoramento que levan a cabo.

A xefa de servizo de Reumatoloxía entende que “a abordaxe das patoloxías reumáticas é un traballo en equipo onde todos os axentes xogamos un importante papel no obxectivo común que é a mellora da calidade de vida dos pacientes”. Neste senso, a doutora Susana Romero sinala que “é fundamental” que a poboación detecte os primeiros síntomas e reciba o tratamento axeitado de forma precoz, “posto que isto logra o control da enfermidade e evita o dano estrutural e a discapacidade”.

 

Xornada para reumatólogos
O Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía celebrará tamén unha xornada dirixida a profesionais á que está previsto que acudan reumatólogos procedentes de toda a comunidade galega, pero tamén de Cantabria, Álava, Madrid e León.

Na convención se abordarán diversos temas clínicos que estarán centrados na actualización de coñecementos en diversas patoloxías, en investigación e sobre o emprego de novas tecnoloxías na formación de reumatólogos.

As patoloxías reumáticas son a primeira causa de discapacidade entre a poboación e supoñen un alto consumo de recursos. Teñen unha alta prevalencia, pois se ben se indica que unha de cada catro persoas ten unha doenza reumática, os últimos estudos amosan que un 33% as padecen en calquera rango de idade dende o nacemento.

Deja un comentario