+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN MELLORARÁ UN TREITO DA ESTRADA PROVINCIAL DE ABELENDO EN MOAÑA ONDE SE ACADARON CASE O 100% DAS CESIÓNS


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirmou hoxe á alcaldesa que se modificará o proxecto inicial para executalo por fases

A primeira actuación irá dende a curva de Figueirido ata o final da recta do Casal e contará cunha senda e unha zona de convivencia para coches e peóns

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirmou hoxe á alcaldesa de Moaña que a Deputación de Pontevedra vai modificar o proxecto da estrada de Abelendo, a EP-1104 Moaña-Coiro, para poder executar as obras de mellora por fases. De feito, o responsable provincial anunciou que o seu departamento realizará en primeiro lugar a reforma do treito no que xa se dispón da práctica totalidade das cesións: entre a curva de Figueirido e o final da recta do Casal.

O anuncio do deputado Benítez realizouse nunha reunión de traballo na que a alcaldesa Leticia Santos, acompañada de dous concelleiros, explicou que o goberno local conseguiu a maior parte dos terreos para a mellora da vía, pero non os suficientes como para realizar a actuación de forma completa, tal e como inicialmente estaba previsto.

Debido a isto e á “urxente necesidade de mellorar a seguranza viaria na zona”, a nacionalista propuxo ao dirixente provincial unha alternativa para non perder o investimento consignado nos orzamentos: facer a obra por fases. Neste sentido, Santos explicou que o concello pode poñer a disposición a día de hoxe as parcelas necesarias para ampliar e mellorar de xeito continuo medio quilómetro da estrada, cuestión que tanto o deputado como o persoal técnico da Deputación viron viable. Así, tomouse a decisión de facer un ‘avance’ da obra duns 500 metros de lonxitude mantendo as características do proxecto orixinal e deixar para o futuro o segundo treito.

No novo ámbito de actuación coexistirán os dous modelos que se pretenden aplicar ao longo de toda a estrada e que a Deputación propuxo dende un inicio fronte á solución das beirarrúas por ambos lados. Haberá senda peonil de 2,5 metros de largo por unha das marxes da estrada, pero tamén unha zona de convivencia entre coches e peóns con tráfico calmado nun punto onde a sección da estrada non é suficiente para segregar os tránsitos debido á presenza de edificacións.

O deputado Uxío Benítez defendeu o proxecto da Deputación para a estrada e a instalación da senda peonil e as zonas de convivencia como un modelo que xa está a funcionar noutros concellos da provincia, como ocorre coa actuación da estrada da igrexa de San Vicente do Grove, onde tamén se desbotou a petición das beirarrúas.
Exemplo para a veciñanza con dúbidas
O deputado Uxío Benítez explicou que era de recibo aceptar a proposta da alcaldesa de Moaña pola urxente necesidade de mellora da estrada e pola “extraordinaria xenerosidade” da veciñanza que cedeu parte das súas leiras para levar adiante o proxecto en aras do ben común de toda a zona.

Pola súa banda, a rexedora asegurou que o goberno de Moaña sempre traballou para conseguir o investimento necesario para mellorar a vía de Abelendo e que “de ningún xeito estabamos dispostos a perdelo agora que xa había un compromiso e cartos consignados”. Santos lembrou que a ampliación da estrada e a reurbanización eran unha actuación moi demandada pola veciñanza dende hai anos e incluso priorizada pola Asociación San Martiño. “Temos o apoio maioritario da veciñanza”, subliñou.

Así mesmo, Santos explicou que facer o proxecto da estrada por fases permitirá demostrar a “utilidade da proposta para resolver os problemas de seguranza viaria e ser un exemplo para os propietarios doutras fincas que hoxe teñen dúbidas sobre se ceder ou non”, finalizou.

Deja un comentario