+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

PP LAMENTA QUE O PSOE PRESENTE MOCIÓNS REPETIDAS E FORA DE PRAZO, PERO ACEPTA O DEBATE » PARA QUE A OPOSICIÓN NON DESAPAREZA AÍNDA MÁIS»


“Somos demócratas e, a pesares da su falla de respecto e escasa aportación ao progreso do Concello, antepoñemos os nosos principios”, manifesta Cubela
O PP de Cerdedo-Cotobade lamentou o funcionamento do grupo municipal do PSOE nos últimos meses, xa que estivo a presentar numerosas mocións de contido repetido e algunhas fóra do prazo que marca a lei para que se debatan nos plenos, pero admite que sempre vai aceptar o debate das propostas socialistas “para que a oposición non desapareza aínda máis do que está no noso concello”. “Alegrámonos que se incorporen á vida municipal normal e que, no pleno celebrado onte, presentaran todo en tempo e forma e agardamos que non volvan ao seu desleixo á normativa dos últimos meses”, concretaron os populares.
Ademais, o PP indicou que no pleno celebrado onte aprobouse unha ordenanza de uso do galego presentada polo goberno local “e non entendemos como os socialistas, que nos acusan falsamente de acabar coa lingua, non informaron dese acordo no seu comunicado”, explicou o presidente municipal e do PP local, Jorge Cubela. Polo demais, o executivo tamén respaldou varias mocións dos socialistas, “o que demostra que non somos coma eles, sectarios, e facemos o que é mellor para o interese xeral e os veciños”.
“Somos demócratas e, a pesares das súas reiteradas fallas de respecto e acusacións infundadas e falaces en plenos e nas redes sociais e da escasa aportación que fixeron ao longo de toda a lexislatura ao progreso do Concello, antepoñemos os nosos principios na defensa dos veciños e do debate e confrontación de ideas”, detallou Cubela, que agradeceu xocosamente aos socialistas que “recuperen a súa presenza nos plenos e fagan actividade e propostas despois de máis de 40 meses facendo máis ben pouco, pero o problema é que só se lembran cando quedan menos de
seis meses para as eleccións e iso aos veciños non lles cola”.
Aparición de Xoel Vázquez
Finalmente, Cubela tamén ironizou coa presenza do coportavoz dos socialistas, Xoel Vázquez, tras ano e medio sen comparecer nas sesións plenarias, que é onde representa aos veciños, sen ofrecer xustificación algunha: “Dámoslle unha calurosa benvida e alegrámonos de que xusto apareza no pleno cando quedan seis meses para as eleccións e inmediatamente despois de que dende o PP lamentaramos as súas constantes ausencias”. “En todo caso, alegrámonos de que estea ben, porque xa estabamos algo preocupados, e que tente recuperar o tempo perdido con
tanta foto e posts en redes sociais. De feito, ou se sinte culpable ou ten afán de protagonismo, pero mostrouse tanto que parece que onte estivera no pleno el só”, ironizou Cubela que, xa en ton serio, recomendoulle “que traballe todos os días por este pobo, que é o que queren os veciños, e non faga tanta propaganda”.

Deja un comentario