+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

A AVENIDA DE VIGO, NA CONTORNA DO FUTURO BALNEARIO, SÚMASE Á “MODERNIZACIÓN LED” DE PONTE CALDELAS


O Concello instala 9 novas columnas de iluminación e restaura outras tres de estética fernandina

A avenida de Vigo, no tramo do futuro Balneario de Ponte Caldelas, estreou estes días un novo alumeado público coa instalación de 12 novas columnas, nove delas modernas e outras tres restauradas, dando así un paso máis cara a recuperación desta contorna, chamada a ser un motor socioeconómico da vila do Verdugo.
O Concello optou por colocar columnas de 9 metros de altura para garantir unha boa cobertura da iluminación nunha área con abundante vexetación. Na entrada á propiedade do Balneario respectáronse os báculos fernandinos existentes, que foron restaurados para retirarlles o óxido e pintalos. Porén a luminaria destes elementos clásicos foi dotada tamén de tecnoloxía led.
Despois desta obra a potencia instalada na zona baixa dos 1.470 watios/hora aos 660 watios, é dicir, menos da metade, ao tempo que se mellora non só o aspecto, senón a calidade da luz.
O Concello está tamén a preparar unha corta de todas as acacias e outras especies invasoras que colonizan os máis de 7.000 metros cadrados da finca do Balneario. A propiedade foi adquirida este ano á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (Sareb) despois dunha longa negociación que puxo fin aos case sete anos de abandono provocados polo fracaso do macroproxecto inmobiliario do anterior Goberno local.
A institución municipal está a piques de expoñer ao público a documentación preparatoria do concurso administrativo de construción e explotación das instalacións, en réxime de concesión, que xa está a tramitar.
Ponte Caldelas, gobernada pola coalición entre PSdeG-PSOE, AVP e BNG, culmina deste xeito a “modernización led” do alumeado público do seu centro urbano, que foise desenvolvendo ao longo deste mandato en cinco fases sucesivas. Un proceso que supuxo un importante aforro en consumo eléctrico para as arcas municipais, estimado en máis de 50.000 euros anuais. O último paso foi a baixada da potencia contratada nos cadros eléctricos que dan servizo á rede, o que supuxo outro aforro de case 6.000 euros ao ano.

Deja un comentario