+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

SALCEDA MELLORA O VIAL LAXE-PAZO


O Concello de Salceda de Caselas ven de dar comezo ás obras de mellora do camiño Laxe – Pazo. O vial, que une os barrios de Laxe, na Parroquia de San Xurxo, e Pazo, na parroquia de Picoña, ten unha lonxitude de 400 metros, e actualmente contaba con un firme en moi mal estado. O proxecto suporá o asfaltado do vial, cun pequeño ensanche que sen dúbida contribuirá á mellora da seguridade no mesmo, tanto para os vehículos como para os peóns. Estamos a falar dun vial que ademáis serve de conexión da parroquia de Picoña cos barrios desa zona da parroquia de Santa María: Veiga do Campo e Barral. A obra, que conta con un orzamento de 22.180,87 € está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2018, e dá resposta a unha vella demanda tanto por parte das persoas propietarias dos terreos lindantes como dos propios veciños e veciñas das parroquias afectadas. O vial é atravesado pola senda fluvial do Río Caselas á altura da ponte de Pumariño.
Con este investimento proséguese na liña establecida dende o Goberno Municipal, de mellora da Rede de Estradas do Municipio, con intervencións constantes nas sete parroquias que conforman Salceda de Caselas.
Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “Seguimos a mellorar a rede de estradas no rural, fundamental para a boa comunicación entre as diferentes parroquias. Esta obra será de grande utilidade para as parroquias de Santa María, San Xurxo e Picoña, tal como nos teñen trasladado os veciños e veciñas. Esta e outras obras que se acometerán en breve seguirán a mellorar a calidade de vida das nosas sete parroquias”.

Deja un comentario