+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CATRO CONCELLOS DA PROVINCIA ABREN AS INSCRICIÓNS PARA O PROGRAMA DA DEPUTACIÓN TECENDO LAZOS 2018


Cuntis, Nigrán, Oia e Ribadumia impulsan diversos talleres que buscan promover espazos de encontro interxeracionais

Os concellos de Cuntis, Nigrán, Oia e Ribadumia veñen de abrir os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa “Tecendo Lazos 2018”, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar talleres nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizando e intercambiando aprendizaxes, recursos e ideas.

No concello de Ribadumia vaise desenvolver o obradoiro “Cantigas e bailes de sempre”. A inscrición mantense aberta, no propio Concello, ata o 14 de decembro. En Nigrán está aberta a inscrición, ata o 10 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello, para un taller de “Panxoliñas e bailes tradicionais”.

“Creación de xoguetes tradicionais” é o obradoiro que se vai desenvolver en Cuntis e en Oia. En Cuntis, as persoas interesadas poden anotarse, ata o 15 de decembro, na OMIX e no departamento de Servizos Sociais do Concello. En Oia, a inscrición mantense ata o 14 de decembro no propio Concello.

O programa “Tecendo Lazos” está xa en marcha na case totalidade dos 38 concellos da provincia adheridos este ano. Algúns manteñen os prazos de inscrición abertos e outros xa teñen en marcha os obradoiros, que se desenvolven entre os meses de setembro e decembro. Conta este ano cun total de 60.000 euros de orzamento.

En cada taller poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40% de menores. A súa duración será de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: “Risas en familia”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” e “Faino ti”.

Todos os obradoiros inclúen o módulo “A historia do meu municipio”, a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto “Andando gaña o muíño, que parado está perdido”.

“Tecendo Lazos” diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38. Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en “Tecendo Lazos” 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.

Deja un comentario