+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

INICIADAS AS OBRAS DE REMODELACIÓN DOS CAMPOS DE FÚTBOL DA LAGOA


O proxecto, que supón un investimento de preto dos 530.000 euros, dotará ao Complexo Deportivo de novos vestiarios, zonas de almacenaxe e cantina

Nestes días deron comezo as obras de remodelación dos campos de fútbol da Lagoa, obras acollidas á liña de subvencións da Deputación de Pontevedra para ‘Investimentos e dotacións singulares do reequilibrio Territorial dos Servizos a concellos con menos de 20.000 habitantes’. Dese xeito, a administración provincial achegará o 80 % do orzamento total da obra ( 529.962.41 euros), achegando o Concello o 20 % utilizando para tal fin fondos do Plan Concellos.
A modernización deste equipamento, sinala o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, “marca un punto de partida para o desenvolvemento dunha futura área deportiva máis extensa na zona”.
O proxecto da reforma foi presentado, no seu momento, aos equipos locais que habitualmente utilizan ditas instalacións, de cara a coñecer a súa opinión e engadir as demandas que considerasen oportunas.
Unha vez rematadas as obras, os campos da Lagoa poidan contar con catro vestiarios para os equipos, outros catro para os equipos arbitrais, unha cantina, unha zona de oficinas, baños públicos e dúas zonas de almacenaxe. Amais, está prevista a construción de varias zonas cubertas para que, en condicións meteorolóxicas adversas, os equipos non teñan impedimentos para desenvolver os seus adestramentos.
A intención é, segundo sinala o alcalde de Mondariz, “conseguir unha edificación funcional para o fin á que está destinada e, ao mesmo tempo, que sexa o máis respectuosa co medio natural”.
Nese sentido nos campos da Lagoa, ao igual que na meirande parte das instalacións municipais de Mondariz, prima a sustentabilidade tanto enerxética como medioambiental de modo que as augas residuais, tal e como figura no proxecto, serán tratadas cunha depuradora ecolóxica, mentres que os equipos de auga quente sanitaria e climatización, utilizarán o sistema que produza o menor impacto ambiental posible.

Deja un comentario