+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PUBLICA AS BASES PARA A OBTENCIÓN DAS CATEGORÍAS DE DEPORTISTA DEPO-DAN E DEPO-PROMESA


Esta clasificación constitúe o paso previo para poder acceder o próximo ano ás novas bolsas de deporte da institución provincial

A Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras para a obtención da categoría de Deportista de Alto Nivel (DEPO-DAN) e deportista promesa (DEPO-PROMESA) da provincia, condición necesaria para poder optar o próximo ano as novas bolsas a deportistas que estarán baseadas no principio de igualdade, eixo transversal da acción política do goberno provincial, co mesmo número para mulleres e homes, así como para persoas con diversidade funcional. Estas axudas repartiranse entre as e os aspirantes segundo os resultados deportivos que cada un deles ou delas obtiveran durante os anos 2017 e 2018.

As categorías buscan crear unha imaxe de marca provincial para fomentar e recoñecer ás e aos deportistas ao abeiro do Plan Estratéxico de Deportes da Deputación. Deste xeito, para a obtención da categoría de DEPO-DAN será preciso levar polo menos desde o 1 de xaneiro deste ano empadroada ou empadroado na provincia de Pontevedra ou ter nacido nela, ser maior de 16 anos, acreditar estar en posesión da cualificación de deportista de alto nivel autonómico ou estatal na última lista publicada antes da publicación das citadas bases, posuír unha licenza deportiva vixente expedida por unha federación deportiva galega dunha modalidade olímpica, paralímpica ou de proxección internacional notoria, e non estar cumprindo sanción deportiva firme de carácter moi grave, ou administrativa en materia deportiva grave ou moi grave, tanto no momento da solicitude como durante o goce dos beneficios da mesma.

No caso de querer optar á condición de DEPO-PROMESA, a ou o deportista terá que ter entre 12 e 16 anos. Dos puntos mencionados no anterior apartado, substitúese o de ter acreditado a cualificación de deportista de alto nivel por acreditar o nivel esixido pola Deputación de Pontevedra en base aos criterios de valoración que se especifican na convocatoria (un mínimo de 25 puntos nunha serie de entre os que se atopan a puntuación obtida nos distintos campionatos nos que participaron ou se foron convocadas ou convocados pola selección nacional da súa modalidade deportiva); e engádese o de non estar inmersa ou inmerso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei. As solicitudes poderán presentarse nos 20 días hábiles a publicación desta convocatoria no BOPPO, é dicir, até o 4 de xaneiro de 2019, tanto a través da formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Deputación, así como a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para participar no proceso será necesario presentar a seguinte documentación: o modelo de solicitude, ao certificado polo órgano competente de estar en posesión do recoñecemento de deportista de alto nivel autonómico ou estatal ou certificado da federación correspondente no que se recollan os criterios de valoración sobre clasificacións en diferentes probas deportivas, e o certificado de posesión da licenza federativa expedido pola federación deportiva autonómica ou nacional correspondente para o ano 2018. A Deputación consultará os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicos: NIF, certificación de residencia e certificado de nacemento das persoas solicitantes. En caso de que as persoas interesadas non queiran que estes datos sexan consultados pola Deputación, deberán presentar tamén esta documentación xunto a anteriormente citada.

Deja un comentario