+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O CONCELLO DE NIGRÁN CONCLÚE AS OBRAS DE MELLORA DAS RÚAS PONTE MUIÑA E GÁNDARA QUE DAN ACCESO A PORTO DO MOLLE E AO IES VAL MIÑOR


O investimento, de 220.000 euros, supuxo a renovación do firme, iluminación, instalación de pluviais ou mellora da sinalización horizontal e vertical engadindo unha senda peonil
“Trátase de dúas rúas fundamentais no acceso a Porto do Molle e ao IES Val Miñor que se atopaban en pésimo estado, cun firme completamente deteriorado e sen protección algunha dos peóns”, explica o alcalde, Juan González
Nigrán, 04/12/18.- O Concello de Nigrán concluíu esta semana as obras de mellora das rúas Gándara e Ponte Muíña que dan acceso ao parque empresarial Porto do Molle e ao IES Val Miñor e que supuxeron un investimento total de 220.000 €. Os traballos, que correron a cargo da empresa adxudicataria Fechi, supuxeron unha renovación radical de dúas estradas moi transitadas e en pésimas condicións, o que ocasionaba as lóxicas queixas dos usuarios. Así, sustituíuse a capa de rodadura, toda a iluminación (en Gándara nin sequera existía), instalalouse saneamento e mellorouse a sinalización horizontal e vertical creando, ademais, un cebreado peonil pintado e delimitado lonxitudinalmente.
“Trátase de dúas rúas fundamentais no acceso a Porto do Molle e ao IES Val Miñor que se atopaban en pésimo estado, cun firme completamente deteriorado e sen protección algunha dos peóns, polo que para o goberno de Nigrán esta obra era prioritaria paea mellorar a seguridade viaria”, resume o alcalde, Juan González.
Ningunha das rúas contaba con beirarrúas ou delimitación para peóns pese a ser moi transitadas cara o instituto ou parque empresarial, por iso, co obxectivo de reforzar a seguridade dos camiñantes, habilitouse unha senda peonil mediante o pintado dun cebreado lonxitudinal con topes que da continuidade ás beirarrúas da contorna da glorieta de acceso ao parque. A parada dos autobuses do centro educativo tamén quedou marcada con sinalización horizontal.
“Desde o goberno consideramos que a forma natural e básica de desprazarse é camiñando, polo que a renovación dunha estrada non pode contemplar só aos vehículos, en cada proxecto prestamos sempre especial atención á seguridade do peón”, destaca González. “Era un dos compromisos que asumimos cos veciños e foi incluído nos orzamentos”, engade.
A obra incluíu tamén a instalación de saneamento e unha renovación do aglomerado e da sinalización vertical e horizontal, ademais de instalar 33 novos puntos de de luz (con novos báculos) formados por unha columna de 8,60 metros de altura e con brazo de 1 metro e luminaria LED con regulación automática preprogramada.

Deja un comentario