+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CHEGA A CAMPAÑA “XOGAR SEN FENDAS” DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA A IMPULSAR O XOGUETE IGUALITARIO NESTE NADAL


Este ano a campaña ten por obxectivos rachar cos estereotipos no campo das ciencias que están a ocasionar que cada vez menos mozas se matriculen en carreiras STEM

Carmela Silva sinalou que “hai que visibilizar que as nenas tamén poden ser científicas, astronautas, técnicas en robótica ou en aeronáutica. Queremos rachar cos estereotipos”

Por cuarto ano consecutivo a Deputación de Pontevedra vai impulsar desde esta ponte de decembro e ata o Nadal a campaña para a promoción da adquisición e uso de xogos e xoguetes igualitarios. Co nome de “Xogar sen fendas”, este ano a campaña pretende rachar cos estereotipos vixentes no eido das ciencias, centrando a súa imaxe en nenas que xogan con foguetes, con coches e robots, que mesmo tocan a lúa e traballan con átomos e fórmulas matemáticas.

“Queremos eliminar a fenda que existe na nosa sociedade, queremos que as nenas que sacan excelentes notas en matemáticas poidan escoller desenvolver a súa actividade profesional no campo das STEM, xa que o futuro vai estar ligado estreitamente a estas carreiras e non queremos que queden alleas a elas”, asegurou Carmela Silva. Segundo explicou a presidenta provincial “a porcentaxe de matrícula de mulleres en carreiras científicas e tecnolóxicas redúcese cada ano e se as mulleres quedan fora deste ámbito estarano tamén do futuro”.

“Xogar sen fendas” presenta unha ilustración elaborada por Luz Beloso acompañada de textos de Isabel Blanco. A imaxe recrea o mundo infantil a través de tons cálidos, clásica na forma pero cunha mensaxe innovadora: diferentes nenas xogas e soñan cun futuro mellor, algunha toca a lúa a través da xanela, outras xogan con foguetes e robots, outras con fórmulas matemáticas e debuxan átomos.

A campaña está asentada, deste xeito, en rachar coa fenda existente na ciencia entre mulleres e homes que empeza cos primeiros xogos e continúa a través da influencia da reprodución de roles e estereotipos de xénero. Así, segundo os estudos, a partir dos seis anos os estereotipos xa teñen marcado que as nenas deixen de considerar encamiñar o seu futuro a aspectos relacionados co ámbito científico. Neste aspecto, a presidenta provincial remarcou a importancia dos xoguetes: “Nós apostamos por unha vida en igualdade, para que as nenas e os nenos poidan decidir en liberdade. A través dos xoguetes estamos marcando se poden ser libres ou se os estamos dirixindo e, neste eido, temos unha enorme responsabilidade. Non hai xoguetes para nenas e para nenos, hai xoguetes para educar, para aprender, para medrar e para divertirse”, asegurou Carmela Silva.

Deste xeito, para a presidenta da Deputación a campaña permite “visibilizar que as nenas tamén poden ser científicas, astronautas, técnicas especializadas en robótica, en aeronáutica. Estamos a rachar coas fendas e estereotipos que existen na actualidade, a concienciar ás familias e á sociedade de que as nenas poden ser o que queiran ser e que se as afastamos do ámbito STEM, un sector que terá no futuro un enorme poder, estaremos conseguindo que as mulleres non estean representadas e non participen nos procesos de toma de decisión”, manifestou a presidenta provincial.

A campaña “Xogar sen fendas” amais de creatividades gráficas en medios impresos tamén irá acompañada de cuñas e dun vídeo con música de Reveriano Soutullo, incluída no disco “Evocación” co título “Las delicias de Manón, Polka” interpretado por Alejo Amoedo. Xunto á gráfica e vídeo, “Xogar sen fendas” continuará ao longo do ano coa publicación dunha colección de libros de contos protagonizados polas nenas que aparecen na imaxe da campaña.

Deja un comentario