+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

BUEU CONMEMORA O LUNS O 70 ANIVERSARIO DA DECLARACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS


Ás 12.00 h vaise realizar unha lectura dos 30 dereitos a cargo de diversas personalidades e está programada a confección dunha alfombra floral
O municipio de Bueu converterase o luns nun lugar de homenaxe polo 70 aniversario da proclamación dos Dereitos Humanos, aprobados pola ONU o 10 de decembro de 1948. Aínda que esta efeméride xa se leva celebrando na vila morracense desde o mes de setembro deste ano co taller impartido polo artista internacional Cristóbal Gabarrón e as exposicións dos debuxos en diversos espazos públicos, o certo é que desde a Asociación Veciñal da Banda do Río e a Asociación de Alfombras organizan un acto especial, que se celebrará na mañá do luns, cando se confeccionará unha alfombra floral e se lerán os trinta dereitos desde o balcón da Casa Consistorial.
O programa contará coa participación de arredor de 300 nenos e nenas que, a partir das dez da mañá, axudarán na confección dunha alfombra de entre 60 e 80 metros cadrados, a cal se construirá arredor dun centro conformado polo logo da ONU para a conmemoración da carta dos dereitos humanos, rodeado de seis deseños sacados dos debuxos do concurso escolar celebrado o pasado mes de setembro. Este tapiz estarán acompañado de trinta figuras de origami, que imitarán as esculturas da “Enlightned universe” (Universo iluminado), unha creación de Gabarrón para celebrar o aniversario da ONU, e que se inaugurou en Nova York en 2015.
Ás 12.00 h está programada unha lectura dos trinta dereitos a cargo de diversos persoeiros, coa clausura e lectura do último a cargo do alcalde da vila, Félix Juncal. Nos actos colaboran o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Gabarrón, así como os seis centros educativos da vila, e a Asociación Juan XXIII de Cangas, desde a que se prepararán xogos e actividades ao aire libre.
Con estas actividades, a Ruta polos Dereitos Humanos chega case ao seu fin, pois o luns tamén se darán a coñecer os debuxos seleccionados para formar parte dunha exposición itinerante.

Deja un comentario