+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CONCELLO VAI REEDITAR O CANCIONEIRO DE COTOBADE DE ANTONIO FRAGUAS NO SEU PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS 2019


Esta iniciativa, a primeira confirmada do Ano Fraguas, terá a colaboración da veciña de Tenorio Sonsoles Martínez

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a traballar intensamente nas últimas semanas na súa propia programación de homenaxe a Antonio Fraguas polas Letras Galegas 2019 e vén de confirmar, como primeira iniciativa, a reedición de “Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade”, unha obra publicada en 1985 pola Fundación Otero Pedrayo.

Este traballo vai saír adiante da man da Editorial Galaxia, coa que o presidente municipal, Jorge Cubela, mantivo unha primeira reunión de traballo na súa sede de Vigo a finais de setembro. Ademais, a reedición, abordada naquela xuntanza e que vén de concretarse, vai incluír un disco con 13 temas musicalizados no que vai colaborar Sonsoles Martínez, veciña de Tenorio.

Cubela explicou que esta publicación “é moi emblemática na bibliografía de Antonio Fraguas e ademais está moi vencellada ao noso concello e pode misturarse coa música, o que lle outorga un valor engadido que nos permitirá chegar a moita máis xente a través da diversificación das distintas ramas culturais”.

Precisamente, a extensión das Letras Galegas e da figura do intelectual nado na parroquia de Loureiro é o “gran obxectivo” para o ano 2019 por parte do goberno local, explicou Cubela, que adiantou que se está a traballar “nun amplo repertorio de actividades que estarán pensadas para que a nosa cultura estea moi cercana á xente e achegada á rúa”. Ademais, engadiu que a intención do Concello de Cerdedo-Cotobade pasa por “aproveitar todo o ano con actividades en torno a Fraguas e non limitarse ás datas máis próximas ao 17 de maio”. “Queremos espremer o Ano Fraguas e imos arrancar coas nosas actividades dende comezos de 2019”, detallou.

“Cremos que as Letras Galegas axudan a construír a identidade e a cultura do noso país, al go co que estou plenamente comprometido, e debemos facelo entre todos e todos os días. Agora, a Cerdedo-Cotobade tócalle a responsabilidade e a honra de liderar este proceso e, xunto ao meu goberno, voume deixar a pel para que toda Galicia se sinta orgullosa do galego e das nosas letras e para que todos os galegos coñezan moito máis unha figura indiscutida e indiscutible como a de Antonio Fraguas”, concluiu.

Deja un comentario