+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CONCELLO DE BUEU MELLORA A SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS


Instaláronse paneis en diversas praias así como mesas interpretativas en elementos turísticos da contorna urbana
O Concello de Bueu continúa coa aposta pola mellora dos espazos turísticos e naturais da vila, e por iso se vén de modernizar a sinalización dalgúns dos recursos turísticos. A concelleira de turismo, Silvia Carballo, salientou que se instalaron paneis de sinalización nas praias de Bandeira Azul, concretamente en Lagos, Area de Bon, Portomaior e Lapamán, así como no areal urbano da Banda do Río.
Ademais tamén se levou a cabo un traballo de interpretación na contorna urbana, onde xa existían en moitos espazos un tipo de mesa interpretativa en bastidor de ferro galvanizado, con chapa de aluminio e vinilo de tintas resistentes. Os novos espazos interpretados son a cheminea Massó, a propia Praza Massó, o xacemento romano de Pescadoira, así como a escultura deseñada polo artista José Solla. Neste último caso tamén se instalou iluminación con focos de chan para resaltar así o seu carácter senlleiro.
A actuación realizouse no marco das subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, polo que se asinou un convenio entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia. O orzamento total ascendeu a 18.142,74, sendo o 65% correspondente á achega do organismo autonómico e o restante ao Concello.
Carballo salienta que “coa nova sinalización complétase a información sobre os recursos turísticos que nos últimos anos suscitaron interese entre a cidadanía e que ata o de agora non estaban interpretados”. A edil nacionalista tamén informou que durante este mes se enviarán as candidaturas para as Bandeiras Azuis, na que se presentan as habituais e se engade como novidade a praia de Loureiro, un areal urbano que mellorou moito a súa calidade nos últimos anos. Ademais, concorrerán o sendeiro do Litoral, o Centro de Interpretación de Agrelo e a Aula da Natureza de Cabo Udra.

Deja un comentario