+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS BOLECHAS REMATAN EN VIGO O SEU PERCORRIDO POLA PROVINCIA XOGANDO COA RIQUEZA DA LINGUA GALEGA


A mostra interactiva sobre as variedades dialectais permanecerá na Praza do Rei ata o 16 de decembro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar
No horario de mañá, reservado para visitas escolares, xa hai inscritos preto de 500 alumnos e alumnas da comarca
Esta mostra, que comezou a súa itinerancia o pasado mes de maio, visitou as 10 comarcas da provincia e xa leva contabilizadas preto de 22.500 visitas
Desde esta tarde e ata o 16 de decembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ permanecerá instalada na Praza do Rei de Vigo para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –xa hai reservas de centros educativos de Vigo, O Porriño, Nigrán e Redondela- e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta tarde coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Vigo para darlle a benvida e saudar á rapazada e ás familias que se achegaron ata a Praza do Rei. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o deputado de Cooperación, Carlos López Font, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
Precisamente o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo especial incidencia en que esta mostra “iniciou o percorrido en Pontevedra e remata en Vigo, que son as dúas grandes cidades da provincia e onde a súa presenza se fai máis necesaria, atendendo aos datos oficiais que indican que a perda de falantes en galego entre a rapazada é máis acusada nas contornas urbanas”. Hai que lembrar que esta exposición comezara a camiñar en maio, na semana das Letras Galegas, na cidade de Pontevedra, e continuou o seu percorrido por Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas, para rematar con esta última parada en Vigo.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Deja un comentario