+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MOSTRA SOBRE A CULTURA GALEGA NA DIÁSPORA DURANTE OS ANOS DA DITADURA REMATA A SÚA ITINERANCIA EN POIO


Pode visitarse no Casal de Ferreirós ata o 23 de decembro
GalizAmerica amosa materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo
Esta tarde o Casal de Ferreirós de Poio acolleu o acto de inauguración da mostra GalizAmerica, que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro, dos comisarios Ramón Nicolás e Carmen Carreiro, e da cineasta e académica Margarita Ledo. Esta exposición, que remata a súa itinerancia pola provincia con esta parada en Poio, forma parte do programa de actividades do Ano da Lingua da Deputación e fai un percorrido pola evolución da lingua e da cultura galegas no exilio durante os anos da ditadura. Na súa intervención, Xosé Leal fixo especial fincapé en que “con estes paneis xa amosamos por varios puntos da provincia todo o traballo que realizaron os intelectuais galegos exiliados, o que dá mostra da débeda que temos con eles por manter viva a nosa lingua e a nosa cultura fóra das nosas fronteiras durante os anos escuros do franquismo”. Leal tamén se referiu a “á valentía e á perseverancia de todas as persoas que tiveron que abandonar a súa terra e aínda así non deixaron de loitar e de traballar pola liberdade e pola cultura”.
Esta exposición, ademais da información e da documentación que recolle nos paneis, tamén se complementa con conferencias e coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo. No caso de Poio, tras o acto de apertura, a encargada da conferencia foi a propia Margarita Ledo co relatorio “Recuperar a fala, recuperar a alma”, no que utilizou como fío condutor o seu documentario ‘Apuntamentos para un filme’. Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de ‘A cicatriz branca’ e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia. A proxección do filme ‘A cicatriz branca’ está prevista para o domingo 16 de decembro.
GalizAmerica está composta por 13 paneis nos que vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: o primeiro versa sobre a represión, atendendo a como se relaciona o exilio coa súa causa máis inmediata. A este apartado corresponden os paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Mentres que a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia en programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

Deja un comentario