+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A SEGUNDA EXPOSICIÓN CANINA INTERNACIONAL DE PONTE CALDELAS BATE RECORDS


O Pavillón municipal acolle esta fin de semana máis de 300 cans, algúns deles de razas moi difíciles de ver

A Exposición Canina Internacional de Ponte Caldelas, organizada polo Concello coa colaboración do Kennel Club España, converteuse en só dous anos en toda unha referencia. Despois de arrancar o ano pasado supera xa os 300 cans, procedentes de España, Portugal, Francia, Inglaterra, Alemaña e Holanda, entre outros países. Animais que, en moitos casos, chegan como campións internacionais de beleza.
O alcalde, Andrés Díaz; a membro da directiva do Kennel Club, Sara Casal, e o concelleiro José Manuel Martínez presentaron hoxe este evento que chega a Ponte Caldelas gracias as xestións do edil de AVP, propietario dun dos cans que participarán na exhibición. Na presentación estiveron dous exemplares de bulldog inglés e staffordshire bullterrier que van participar no certame.
A exposición celebrarase durante esta fin de semana no Pavillón de Ponte Caldelas. O sábado, día 9, comeza a partir das 15 horas con dous monográficos. En primeiro lugar o certame Bulldog do Ano (evento no que só participan animais xa clasificados en competicións previas, e que serán valorados por tres xuíces). A continuación terá lugar a exposición de Staffordshire Bullterrier. O domingo, 9 de decembro, é o día asignado á Exposición Internacional, proba puntuable para os campionatos de España e Internacional. Celébrase en horario de mañá a partir das 10 horas.
Agárdase a presenza en Ponte Caldelas de moitas persoas ao longo de todo o día, pois a calidade deste Salón Internacional así o fai pensar. Da entidade do evento dá tamén conta a presenza en Ponte Caldelas de xuíces internacionais procedentes de Inglaterra, Rusia, Suecia e España, como Paul Seal, Elena Maximova, John Sargeant e Dean Cund.
Polo pavillón caldelán só pasarán cans de razas recoñecidas nos rexistros xenealóxicos. Será a primeira vez que se poida ver competindo en Galicia aos mini aussie (pastor australiano) e aos biewer rusos. Con eles haberá bulldogs americanos, american bullies, barbados de Terceira, ratoneiros valenciáns, terrier negros ruso e schnauzers xigante, entre outras.
A Exposición Internacional de Ponte Caldelas é a única que organiza o Kennel Club en Galicia e, nesta segunda edición, alcanza xa niveis de participación e calidade comparables as que sacan adiante outros organizadores en Vigo, Oza-Cesuras e A Toxa. “Estamos no segundo ano e xa estamos nas cifras de Vigo, polo que só temos motivos para a satisfacción”, concluíu Juanma López.
A Exposición Canina Internacional de Ponte Caldelas é puntuable para os campionatos de Europa, de España e de Galicia. Outórgase un punto en cada un deles para os gañadores de cada raza. Os campionatos asígnanse ao titular de 6 puntos colleitados en distintos certames, o que dá idea da importancia deste evento para os criadores e explica a elevada inscrición.
O Concello de Ponte Caldelas agradece a colaboración desinteresada para a celebración deste evento do veterinario local, Lino Fernández García.

Deja un comentario