+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

AS TAPAS CONVÉRTENSE EN PROTAGONISTAS NAS NOITES DE VENRES EN PONTE CALDELAS


O concurso gastronómico bota mañá a andar con 11 propostas que, nesta edición, céntranse nos sabores do mar

Todo listo en Ponte Caldelas para comezar a gozar das mellores tapas. Bota a andar na noite de mañá, venres, o concurso “Caldelas Tapas Quentes”, que organiza o Concello coa colaboración da hostalería local.
Esta terceira edición do certame gastronómico de inverno presenta 11 propostas nas que os sabores do mar asumen o protagonismo, pero sen renunciar ao acento da emigración. Cada tapa, incluída a bebida, sérvese ao prezo incomparable de só 2,50 euros, unha fórmula de éxito que xa ten demostrado o seu poder de atracción para a veciñanza de toda a bisbarra.
Así que durante as noites de venres será unha oportunidade única para facela ruta polo Bar Parada (Potaxe mariñeiro), Cervecería Alameda (Esencia do Alameda), La Tribu (Frijoles charros), O´Recanto (Bocado canario), Tapería Victoria (Victoria), Restaurante 501 (Crema de rebozuelos con marisco y algas kombu), bar Bora Río (Marisco de cortello), albergue Jamarte (Cesto marinero), Verdugolandia (Cazuelita de alubias con coliflor y gambas), Asador del Chavo (Risotto de setas y gambas) e Pastelería Acuña (Tosta serrana).
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apostou durante este mandato pola colaboración co sector hostaleiro, presente en moitas das actividades municipais. O concurso de tapas de decembro xa alcanzou a cifra de 4.000 unidades vendidas na edición do pasado ano.
O gañador do concurso sae da cata realizada por un xurado profesional, que este ano estivo formado polo cociñeiro estrela Michelín Pepe Vieira e a reposteira e organizadora de eventos local Conchi Amoedo. A valoración xa foi realizada en días pasados e o veredicto quedou depositado nun sobre lacrado que non se abrirá ata o próximo mes de xaneiro.

Deja un comentario