+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

MÁIS DE 3.000 PERSOAS NON QUIXERON PERDERSE O ESPECTÁCULO E AS NOVIDADES DE PARÍS DE NOIA, OLYMPUS E NEW YORK NO CLOSING TOUR 2018


ADEMAIS DE PRESENTAR NOVAS CARAS PARA A VINDEIRA TEMPADA, AS FORMACIÓNS TAMÉN MOSTRARON O SEU RENOVADO VESTIARIO E NA SÚA MAIORÍA INTERPRETARON ALGÚNS DOS TEMAS QUE FORMARÁN PARTE DO SEU REPERTORIO

O Closing Tour 2018 recibiu onte nun dos pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia ABANCA a máis de 3.000 afeccionados á música de orquestra que non quixeron perderse as actuacións, e a presentación de novidades para a vindeira tempada, de París de Noia, Olympus e New York. Un público que foi maioritariamente galego pero no que houbo unha notable asistencia de Asturias, Castela-León e tamén Madrid.

Esta sétima edición do evento, organizado pola empresa Piñeiro Pub, abriu as súas portas ás 21.30h e deu comezo en torno ás 22.00h. Foron nove horas de música nas que as orquestras realizaron un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos de duración para logo facer un segundo de 1 hora e 15 minutos. Actuou en primeiro lugar New York, seguida de Olympus e logo París de Noia, unha orde que se repetiu no segundo pase.

New York, encargada de poñer en marcha o Closing Tour 2018, saíu ao escenario cos seus novos integrantes, os tres cantantes Dani Aguilera, Unai García e Kevin Matas, o pianista Juan Carlos Fernández, o trompetista Miguel Muñoz, o guitarrista Alexis Iglesias e o baixista Toño Santiago. Todos eles xunto cos restantes membros da orquestra ofreceron a segunda actuación da súa nova xira “Una Nueva Era”, amosando gran sintonía e interpretando cancións con gran éxito na pasada tempada, aínda que cunha estrutura diferente no espectáculo. Comezaron cunha versión de El Patio, seguida dun tema de Whitney Houston e outro de Luis Miguel, para logo incluír ao longo da súa actuación versións de cancións como La Peleona, de Grupo Manía ou Dura, de Daddy Yankee. Tamén interpretaron temas propios cos que acadan sempre unha gran resposta do seu público, como Fiesta Mundial e Vacaciones en los Newyores.

Olympus interpretou algúns dos temas máis exitosos da súa anterior tempada, como Mayores, de Becky G, ou El Baño, de Enrique Iglesias con Bad Bunny, pero ademais no Closing Tour a orquestra presentou a súa nova xira para o ano que ven, Red Tour. Nela conta cunha dianteira totalmente renovada que xa actuou no festival, na cal acompañarán a Jorge Ferre os cantantes Néstor Peña, Nakary Palumbi, Tania Domínguez e Fer Sánchez, todos eles profesionais cun amplo percorrido que proceden de orquestras importantes e moi coñecidas. Ademais, a formación mostrou novo vestiario e xa interpretou temas que formarán parte da Red Tour, como No me acuerdo, de Thalía con Natti Natasha, ou Ay que chupar, de Tito Swing.

Pola súa banda, París de Noia ofreceu boa parte do espectáculo desta tempada que remata, que denominaron “A lo Loco la París”, interpretando versións de cancións como Que loco, tema de Grupo Manía ao que debeu o nome a xira; El anillo, de Jennifer López, ou Machika, de J. Balvin. Ademais, presentaron xa moitas das novidades para o vindeiro ano, entre elas os seus novos cantantes, Santi Pulido e Lucía Sánchez, e o pianista e director musical Edson. Tamén amosaron o seu novo vestiario e estrearon cancións, como Somos Nosotros, que dá nome a esta nova xira 2019 e versiona o tema La Farándula de Miami, de Timbalive y Los 4, e tamén outras que lles quedaron no tinteiro a pasada tempada e que agora queren incluír no repertorio, entre elas Sin Pijama, de Becky G e Natti Natasha.

Premiados

O Closing Tour acolleu a 1ª Entrega de Premios de Orquestas de Galicia, na que se recoñeceron, segundo os rankings da web Orquestas de Galicia, ás cinco agrupacións e cinco compoñentes máis populares, ademais da orquestra revelación 2018.

Nestes Premios, Panorama foi recoñecida como a orquestra máis popular, seguida de París de Noia en segundo posto, El Combo Dominicano no terceiro, Olympus no cuarto e New York no quinto. A Orquestra Revelación 2018 foi, segundo os rankings, a orquestra Finisterre.

En canto aos compoñentes, a cantante Genma Lareo, de París de Noia, conseguiu o primeiro premio en popularidade, seguida de Fátima Pego, que se acaba de incorporar a Panorama; e de Davinia Fleitas, voz de El Combo Dominicano. O cuarto e quinto posto foron, respectivamente, para as cantantes Natalia Méndez, que formou parte de Panorama ata este ano pero que agora mesmo non se encontra en ningunha orquestra, e Irene Iglesias, de Panorama.

Algunhas das formacións e compoñentes non puideron acudir a recoller o premio, pero enviaron vídeos de agradecemento.

Por outra banda, no marco do festival tamén se entregou o Recoñecemento a unha Traxectoria Profesional, que Orquestas de Galicia deu a José Antonio Blas Piñón, cantante de París de Noia durante 36 anos e agora director artístico desta formación tras unha lesión que lle obrigou deixar os escenarios, aos cales aínda sube nalgunha ocasión especial.

Deja un comentario