+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E A RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS ÚNENSE PARA PROMOVER O ENOTURISMO COMO AGASALLO DO NADAL


En total 18 empresas da provincia ofertan ata 19 experiencias enoturísticas en Rías Baixas para regalar durante estas festas

O Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Pontevedra puxo de manifesto a necesidade de impulsar alternativas encamiñadas á desestacionalización. Neste eido, e con motivo do Nadal, a institución provincial xunto á Ruta do Viño Rías Baixas únense para promover conxuntamente a campaña “Este Nadal regala enoturismo nas Rías Baixas”, na que participan 18 empresas da provincia a través de 19 experiencias diferentes para realizar ao longo do ano.

O obxectivo da campaña é propoñer a adquisición de experiencias enoturísticas na provincia de Pontevedra como agasallos de Nadal. Así, a Deputación de Pontevedra e a Ruta de Viño Rías Baixas presentarán paquetes que inclúen experiencias singulares nas que o viño Rías Baixas é o fío condutor para plans de fin de semana ou escapadas de dous días.

Máis polo miúdo participan na iniciativa as adegas Pazo Pondal, Terra de Asorei, Terras Gauda, Mar de Frades, Palacio de Fefiñanes, Paco&Lola, Lagar de Besada, Martín Códax, Gil Armada, Señorío de Rubiós, La Val e GranBazán. Tamén se inclúen na campaña “Este Nadal regala enoturismo nas Rías Baixas” aloxamentos como Novavila Rías Baixas, Aldea Bordóns e o Hotel Louxo La Toja, así como Pazos como os de Quinteiro da Cruz, Rubianes e Baión.

Entre as experiencias enoturísticas destacan os paseos entre viñedos en kartcross ou 4×4, as degustacións de viños e de produtos gastronómicos, explicacións sobre o proceso de elaboración do viño, rutas de sendeirismo, catas guiadas e comentadas, estancias enoturísticas, maridaxe de viños, talleres de cociña, experiencias sensoriais, visitas a xardíns botánicos, visitas a pazos e espazos históricos, achegamento ao traballo das mariscadoras e tratamentos de viñoterapia e talasoterapia.

As persoas interesadas en agasallar estas experiencias terán toda a información, tanto dos establecementos como das experiencias, nas páxinas web de Turismo Rías Baixas e da Ruta do Viño Rías Baixas. En cada unha das webs haberá unha sección específica destinada a “Este Nadal regala enoturismo nas Rías Baixas” operativa ata o 6 de xaneiro.

Deja un comentario