+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Marzo de 2019

PONTE CALDELAS MANTÉN A FESTA DE NOITEVELLA NA PRAZA DE ESPAÑA NA SÚA PROGRAMACIÓN DE NADAL


O Concello recibirá ao apalpador, a Papá Noel e aos Reis Magos

Todo a punto para a intensa celebración do Nadal en Ponte Caldelas. O Concello, en colaboración cos comerciantes locais e a ludoteca municipal, pechou unha programación que combina tradición, diversión e cultura.
O programa arranca o día 23, domingo, coa primeira aparición na vila do Verdugo do Apalpador, que chegará para tocarlle o bandullo aos rapaces ás 12 horas no Centro Cultural e deixarlles as tradicionais castañas.
Ao día seguinte, luns, 24, está prevista a chegada de Papá Noel a partir das 12 horas. Fará, como é habitual, a súa chegada nunha carroza da Hípica Amazonas para recibir aos rapaces no Centro Cultural e recoller as súas cartas aos Reis Magos. Ademais, a partir das 19 horas, haberá animación musical nos locais de hostalería do centro da vila participantes no concurso Caldelas Tapas Quentes a cargo do grupo local “Os Contentos”.
O mércores, 26 de decembro, ás 18 horas, a Biblioteca municipal acolle a posta en escena do gran xogo de Quen é Quen. Actividade lúdica de animación á lectura que estará dedicada a María Victoria Moreno “e outras mulleres que contan”.
A actividade volve na Noitevella. Comeza cedo, ás 12 horas coas uvas anticipadas para os máis cativos a carón do reloxo da Casa de Cultura. Xa sobre a 1 da madrugada dará comezo a gran festa de Noitevella, que se celebrará baixo unha carpa na renovada praza de España. A animación estará a cargo da orquestra Miramar. O Concello xa confirmou hai días o mantemento da festa na praza de España, toda vez que o ritmo de execución das obras nesta contorna permiten calcular que o remate da obra civil será en torno ao día 20, con tempo máis que suficiente. Os traballos pendentes, na fonte lúdica, remates e mobiliario urbano, executaranse con posterioridade, nas primeiras semanas de xaneiro.
O 4 de xaneiro chegará a gran Cabalgata de Reis, que botará a andar ás 18 horas. Ao remate celebrarase a recepción na discoteca dos Reis aos cativos antes de dar paso a unha festa con animación musical, chocolate e rosca. O ambiente xa comezará durante a mañá co bulir dos rapaces da ludoteca, que pasarán a visitar os comercios do centro de Ponte Caldelas para cantar panxoliñas.
O ambiente de Nadal xa está moi presente en Ponte Caldelas dende a estrea da iluminación ornamental o pasado día 1. Están colocados arcos con tecnoloxía led e atractivos deseños, repartidos por todas as rúas do centro urbano, ademais dunha árbore na praza do Bispo. A todo elo súmase o concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, do que se pode gozar durante todas as noites dos venres deste mes de decembro. Un evento no que están a participar once locais do municipio e que permite gozar dunha tapa e unha bebida ao prezo de 2,50 euros.

Deja un comentario