+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONSTRUIRÁ UNA NOVA SENDA PEONIL E MELLORARÁ A ESTRADA PROVINCIAL ENTRE O NÚCLEO DE A GRAÑA E O CEMITERIO DA PARROQUIA EN COVELO


A presidenta Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez asinaron hoxe un convenio de colaboración co alcalde

As obras teñen un orzamento de 288.755 euros financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polo concello

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai mellorar a seguranza viaria da estrada provincial que conecta o núcleo da parroquia de A Graña no Concello de Covelo co cemiterio e a igrexa parroquial. No día de hoxe, a presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez asinaron co alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo, un convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello para levar adiante as obras, que teñen un orzamento de 288.755 euros.

Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, a parroquia de A Graña está atravesada pola estrada provincial EP-5105 que conecta o núcleo principal de vivendas e o centro social coa igrexa e o cemiterio, polo que hai un importante tránsito de persoas que camiñan pola vía en condicións de inseguridade. Ademais, na actualidade o firme da calzada está en mal estado polas duras condicións climatolóxicas da zona, con xeadas e nevadas durante o inverno e moita calor durante o verán.

Ante esta situación e a petición do concello, o departamento de Mobilidade redactou un proxecto titulado ‘Mellora da seguridade viaria e senda peonil na EP-5105 Maceira-A Graña dende o PQ 10+250 ata o PQ 11+350’. O deputado Uxío Benítez destacou que a actuación permitirá construír unha senda peonil de 400 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, a mellora do firme en todo o ámbito de actuación, a instalación de elementos de calmado de tráfico (redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados), a delimitación dunha zona 30, e a creación dunha zona de convivencia onde non hai sección suficiente para habilitar a senda –na parte máis central-, así como a construción dunha pasarela de madeira sobre formigón sobre o rego de Portiño Escuro.

Tal e como indicou o deputado nacionalista, esta actuación encaixa perfectamente dentro dos criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, onde o eixo é eliminar a violencia viaria e poñer no centro das actuacións ás persoas, fomentando a mobilidade peonil fronte ao tránsito motorizado. Destacou, así mesmo, que unha vez a Deputación realice as obras (conveniadas co concello ao 80%-20%) a vía pasará a ser de titularidade municipal.

Pola súa parte, a presidenta da Deputación Carmela Silva asegurou trala sinatura do convenio a súa satisfacción polo feito de que lugares como a parroquia de A Graña en Covelo, un lugar singular con capacidade de atracción, vaia mellorar a súa mobilidade e converterse nun espazo “máis habitable”. Neste sentido, ademais da mellora da mobilidade peonil tamén destacou a importancia do cambio estético que suporá o proxecto para a zona: “Non ten nada que ver como recibimos os lugares e como quedan despois das actuacións”, subliñou.

Carmela Silva salientou que a Deputación ten como folla de ruta cumprir o papel de servizo aos concellos pequenos respectando a súa autonomía e as súas necesidades. “Temos un modelo claro de mobilidade e sabemos que os concellos pequenos necesitan axuda económica. Niso estamos a traballar”, dixo.

Finalmente, o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, agradeceu á Deputación o proxecto do departamento de Mobilidade e manifestou a súa satisfacción porque saíra adiante. “Esta actuación viña de atrás. Levamos tempo con ela e plantexeilla ao deputado. O proxecto está ben enfocado e penso que vai gustar á parroquia… Podo dicir que cando saen as cousas ben hai que dar as grazas, e neste caso dou a noraboa á Deputación”, dixo o ‘popular’, que salientou que en A Graña hai moita veciñanza na emigración con moito arraigo na zona.

Deja un comentario