+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020

O DIRECTOR DA CÁTEDRA SCD GALICIA ACTIVA, ELISEO IGLESIAS PRESENTOU Á SECRETARIA XERAL PARA O DEPORTE, MARTA MÍGUEZ, O PRIMEIRO BALANCE DA PLATAFORMA GALEGA PARA A VALORACIÓN DA CONDICIÓN FÍSICA SAUDABLE DOS ESCOLARES (DAFIS) CON DATOS DE 109 CENTROS


 

Marta Míguez Telle, puxo en valor esta ferramenta pedagóxica e salientou na presentación do informe que o 60% dos escolares galegos avaliados nos centros inscritos teñen niveis de condición física aceptable

 

 

Santiago 13 de Decembro de 2018. No día de hoxe, o director da cátedra SXD Galicia Activa, Dr. Eliseo Iglesias presentou á Secretaria Xeral para ou Deporte, Dna. Marta Míguez Telle os primeiros datos de condición física relacionada coa saúde rexistrados en escolares galegos mediante a plataforma DAFIS.

 

Esta plataforma de utilidade pedagóxica utilizada nos centros escolares públicos galegos adscritos ao Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, permite a avaliación da condición física saudable no desenvolvemento da propia materia de Educación Física. Así mesmo, demóstrase a potencialidade da Plataforma galega para a valoración da condición física saudable, no seguimento dos plans de vida activa implantados nestes centros educativos escolares.

 

Os datos recolleitos en máis de 109 centros ao longo destes 5 anos mostran unha distribución por sexos moi similar á reportada polo Instituto Galego de Estatística para a poboación escolar galega matriculada en centros públicos.

 

En canto aos datos obtidos, a análise do Índice de Masa Corporal ( IMC) reflicte unha prevalencia de escolares en niveis de sobrepeso ou obesidade de en torno ao 38%, o que se axustaría aos resultados epidemiolóxicos publicados por outros organismos.

 

Finalmente, en torno ao 60% dos escolares mostraron uns niveis de condición física moderado, alto ou moi alto. No caso concreto da condición cardiorrespiratoria, na maioría dos grupos de idade constátase que máis do 50% da mostra superaba o punto de corte identificado na literatura científica como estimador de risco de enfermidade cardiovascular.

Globalmente, constátase a utilidade de DAFIS como instrumento pedagóxico e eficiente desde a perspectiva do seguimento dos niveis de condición física relacionada coa saúde na poboación escolar galega.

Deja un comentario