+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

MONDARIZ INVESTIU MÁIS DE 9.000 EUROS NA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DA POLICÍA LOCAL E PROTECCIÓN CIVIL


As obras melloraron as condicións de traballo dos axentes da Policía Local que ao contar, entre outras cousas, con equipos de climatización dos que carecían e illamento que permite mellorar a eficiencia enerxética das instalacións

O Concello de Mondariz investiu máis de 9.000 euros (9,351,38) nas instalacións da Policía Local e Protección Civil con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As obras complementaron as realizadas hai un ano que estiveron centradas, exclusivamente, na adecuación do espazo interior.
As obras que se realizaron, explica o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, permiten ofrecer “tanto a Policía Local como Protección Civil, unhas condicións dignas de traballo”.
As instalacións da Policía Local atópanse no semisoto da Biblioteca Pública de Mondariz nun local que xa pasou por varios usos como o de dispensario médico e oficinas do Mondariz C.F.
“A Policía Local precisaba dunhas instalacións axeitadas para desenvolver un labor que é de extraordinaria importancia para a veciñanza”, apunta o alcalde de Mondariz, motivo polo que, unha vez instalada a policía local nesas dependencias, o Goberno local acometeu obras de mellora do mesmo de cara a dotalo dun vestiario e un aseo adaptado, sen que iso supuxera a modificación da estrutura, o volume ou o seu aspecto exterior.
Con esta obra, continúa explicando Montes Bugarín, “as instalacións contan cunha climatización axeitada e outros elementos básicos para a súa posta total en funcionamento”.
De cara a proporcionar calefacción no inverno e refrixeración no verán, o proxecto contemplou a instalación dun sistema de climatización mediante equipos de aire acondicionado con bomba de calor. Ditos equipos permiten unhas correctas condicións térmicas e de humidade.
Doutra banda, e de cara a optimización enerxética do local, procedeuse ao cambio das antigas fiestras corredoiras, por outras oscilo-batentes de dobre acristalamento de cara a mellorar o illamento e tamén substituiu a porta de entrada.
En canto a medidas de seguridade fai referencia, as ventás e a porta dotáronse de persianas de seguridade e os mostradores, con peches de vidro de seguridade cun sistema de corredoira.
Finalmente, as obras incluíron a mellora dos vestiarios nos que, ademais doutras actuacións, dotouse a ducha dunha mampara e un banco.
Trátase, resume o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, de “proporcionar as ferramentas precisas para que a Policía Local e Protección Civil poidan desenvolver o seu labor e contribuír á mellora da calidade do servizo de seguridade e protección dos veciños e veciñas”.

Deja un comentario