+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

PONTE CALDELAS, PRIMEIRO CONCELLO QUE UTILIZA OS SEUS PETRÓGLIFOS PARA A ILUMINACIÓN DO NADAL


O Concello incorpora as imaxes dunha estela da Laxe das Cruces e da Pedra do Cervo á decoración luminosa

A iluminación de Nadal de Ponte Caldelas non se limita aos arcos, bandeirolas, árbores e bolas tan típicos destas datas. O Concello vén de colocar estes días a última peza da súa decoración luminosa coa representación luminosa de dous dos petróglifos máis senlleiros de Galicia, como son a gran estela da Laxe das Cruces (Área Arqueolóxica de Tourón) e a Pedra do Cervo (montes de Cuñas).
Os ornamentos foron fabricados pola empresa especializada Electromiño a partir dos deseños enviados polo Concello, que viña barallando esta idea dende o ano pasado. Os petróglifos quedaron representados en dous paneis luminosos, feitos con tecnoloxía led, e quedaron instalados no balcón da Casa Consistorial.
Ponte Caldelas convértese así no primeiro concello en incorporar formalmente o seu propio patrimonio rupestre á iluminación de Nadal, unha idea plasmada este primeiro ano deste xeito, pero que non se descarta potenciar no futuro, diante da beleza e singularidade destes elementos patrimoniais tan representativos da paisaxe caldelá.
O Concello xa incorporara hai algúns días unha bola de iluminación na renovada praza de España, aproveitando o remate das obras do pavimento do novo espazo de convivencia que preside o centro da vila.
O alumeado de Nadal de Ponte Caldelas foi acendido formalmente o pasado día 1 coa colocación de medio cento de arcos luminosos, bandeirolas sobre farolas e unha árbore de luz branca na praza do Bispo. A este despregamento únense agora estas últimas incorporacións. En total, hai máis de 1.000 puntos de luz repartidos pola práctica totalidade das rúas do centro urbano.

Deja un comentario