+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Xuño de 2019

O PLAN XERAL DE EXPLOTACIÓN MARISQUEIRA PARA 2019 ELEVA A TRES MESES O PERÍODO MÁXIMO DE AUTORIZACIÓN DA ACTIVIDADE


Ata agora o prazo limitábase a un mes e a súa ampliación simplificará os trámites do sector

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019, que establece o réxime necesario para que o marisqueo se desenvolva coas garantías dunha boa xestión do recurso. Ao abeiro deste documento, que entra en vigor hoxe mesmo, a Consellería do Mar aproba simultaneamente un total de 97 plans de explotación presentados polas entidades asociativas do sector, tres máis que o ano pasado.

A orde establece como novidade que o período de autorización da actividade marisqueira, que ata agora era mensual, pode ser de ata tres meses. Deste xeito, a partir de 2019 poden realizarse aperturas de desenvolvemento do plan de explotación para períodos mínimos dun mes e máximos de tres meses, o que simplifica os trámites administrativos para as entidades asociativas do sector.

O plan para o próximo exercicio prevé ademais a incorporación de 164 permisos de explotación para marisqueo a pé e de 8 novas embarcacións coa modalidade de marisqueo a flote con vara. Este aumento súmase ao xa experimentado en 2018, no que se rexistraron 252 novos permisos de marisqueo a pé xeral, co que este ordenación da actividade contribúe a elevar os niveis de ocupación e a dinamiza a economía de Galicia.

Entre as novidades que inclúe a orde está tamén a aprobación do plan específico de explotación da Asociación de rañeiras/os da ría de Arousa para os bancos marisqueiros de Lombos do Ulla, Cabio e Boido, durante un máximo de 151 días, entre os meses de xaneiro e abril e de outubro a decembro. Mentres, a confraría de Arcade incorpórase ao plan específico das zonas de libre marisqueo da ría de Vigo na modalidade de embarcación, sendo así titular do plan para o ano 2019 xunto coa Asociación de marisqueo a flote Ría de Vigo e a confraría de Baiona.

O plan do ano próximo prevé ademais que a confraría de Fisterra volva poder explotar ameixa rubia ao abeiro dun plan de explotación específico nos bancos sublitorais da praia de Langosteira.

En canto aos períodos autorizados para a captura de crustáceos, que establece cada ano este plan, está permitido extraer nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro. Mentres, a lagosta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro e o santiaguiño poderase capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. A maiores, a norma especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

Co obxecto de facilitar a actividade marisqueira de recollida de algas cando a súa proliferación provoque efectos adversos na produción marisqueira, a orde recolle que a limpeza dos bancos marisqueiros, así como outras labores de semicultivo precisas para a mellora da produción, requirirán autorización e poderán realizarse durante todo o ano.

En relación aos poliquetos -vermes mariños empregados como engado na pesca de recreo e que se extraen no litoral de Galicia- o plan mantén que as entidades asociativas do sector que así o recollesen nos seus plans de explotación poden incluír zonas para que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos ao día sen interferir na actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos.

Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licenzas de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.

Deja un comentario