+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Xaneiro de 2019

MEDIO AMBIENTE CONVOCARÁ ESTE MES UNHA NOVA ORDE DE AXUDAS PARA OBRAS DE HUMANIZACIÓN URBANÍSTICA DOTADA CON 2,5 MILLÓNS


Ángeles Vázquez anuncia en Sanxenxo que o seu departamento financiará o 80% do custo dos proxectos seleccionados, cun límite máximo de 96.800 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará en xaneiro unha nova orde de axudas co obxectivo de financiar proxectos para a creación ou mellora de rúas, espazos públicos e infraestruturas urbanas nos concellos. O programa contará cunha partida de 2,5 millóns de euros e está dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, tal e como adiantou esta mañá durante unha visita a Sanxenxo a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Concretamente, a consellería achegará o 80% do orzamento de cada actuación que resulte seleccionada, cun límite máximo de 96.800 euros por proxecto. A convocatoria farase en réxime de concorrencia competitiva e os concellos interesados poderán optar á mesma coa presentación de proxectos para mellorar infraestruturas urbanas, rúas e espazos públicos.

Esta convocatoria dálle continuidade ás sucesivas ordes de axudas que a consellería impulsou nos últimos anos na súa aposta pola humanización das vilas e concellos galegos a través do financiamento de novas infraestruturas e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e á vez, contribúan a frear o despoboamento de determinadas zonas.

De feito, a conselleira tivo ocasión hoxe de visitar en Sanxenxo as obras dunha das actuacións que está a subvencionar o seu departamento ao abeiro da orde de axudas convocada no ano 2018. Trátase, concretamente, dun proxecto para a humanización e remodelación integral do parque da Panadeira, cun custo de 457.836 euros dos cales a Xunta achegará case o 80% (366.268 euros).

Segundo explicou, os traballos foron adxudicados en outubro e a previsión é que neste primeiro trimestre os veciños xa poidan dispoñer dun parque renovado e cunha situación privilexiada, xa que se atopa nunha zona moi concorrida do concello, localizada entre as praias urbanas de Panadeira e Lavapanos.

Durante a visita, Vázquez Mejuto detallou que grazas ás actuacións que se están a acometer, esta zona gañará máis espazo para os peóns, dotarase dunha nova pista polideportiva de 240 metros cadrados con equipamento para a práctica de fútbol, balonmán e baloncesto, ampliarase o parque infantil xa existente e remodelarase toda a zona axardinada.
Adhesión de Sanxenxo á Aplu
Antes de visitar os traballos no parque da Panadeira, Ángeles Vázquez mantivo unha reunión co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, na que abordaron varias cuestións de interese para o concello en materia urbanística. O principal asunto a tratar foi a adhesión de Sanxenxo á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu), que quedou hoxe formalizada coa sinatura do correspondente convenio por parte da conselleira e o rexedor.

Nestes momentos, son xa 74 os municipios galegos que delegaron parte das súas competencias urbanísticas neste organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente. En virtude do convenio asinado hoxe e que entrará en vigor tras a súa publicación no DOG, a APLU asumirá os traballos de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística establecidos na Lei do Solo de Galicia en relación coas obras e usos que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.

Neste sentido, a evolución das adhesións á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística nos últimos anos, que a conselleira cifrou en 57 novos concellos desde 2009, son unha mostra clara do papel que xoga este organismo como un instrumento eficaz para o control da disciplina urbanística. En total, os municipios adheridos suman o 17% da superficie total de Galicia e o 12,6% da poboación total da comunidade.

Deja un comentario