+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O pleno da corporacion de Ponte Caldelas aproba a bonificacion do 95% do ICIO para as obras de reforma en varias casas do pobo no municipio


O Concello xa aprobara no Presuposto de 2015 unha axuda total de 54.700 euros para estas obras

O Pleno da Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou por maioría, cos votos a favor do PP e BNG e a abstención do PSOE, conceder a declaración de especial interese e de utilidade municipal as obras de reforma de diversas casas do pobo no municipio que verán bonificado nun 95% o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
Os centros socioculturais obxectos desta bonificación serán os de Rebordelo, Vilarchán, Buchabade, Barbudo e Paradela nos que o Concello investirá un total de 54.700 euros en axudas para realizar diversas reformas e actuacións orientadas á melloría da habitabilidade e funcionalidade destes inmobles.
O alcalde Perfecto Rodríguez defendeu ante o Pleno da Corporación a necesidade de adoptar este acordo, que se tomou por unanimidade dos membros do Pleno, coa intención de bonificar as taxas municipais que deben aplicarse ás licenzas nos distintos centros culturais e veciñais onde se van acometer unha serie de obras de reforma que son consideradas polo rexedor de especial interese e utilidade pública e que se vai subvencionar.
No caso destes centros, que non son de propiedade municipal, o Concello de Ponte Caldelas só pode axudar na súa conservación e mellora a través de subvencións ás entidades que teñen a titularidade veciñal do inmoble e que cumpran coa legalidade de dispoñer da licenza correspondente para afrontar estas obras polo que, outro modo de axudar o Concello na súa realización e dado o interese público e social, é polo que agora aplicará tamén unha bonificación do 95% no ICIO, o máximo previsto na Lei.
Así, para a Casa do Pobo de Paradela, o Concello de Ponte Caldelasaxudará á Comunidade de Montes con 21.000 euros que estarán enfocados a acometer a reforma integral da Casa do Pobo, unha construción que se encontraba nunha situación moi deficiente dende hai varios anos e que era unha demanda veciñal.
En Buchabade, a Comunidade de Montes recibirá uns 15.000 euros que irán destinados a realizar diversas melloras do interior do local veciñal alí existente así como ao acondicionamento dunha cociña que dará servizo aos usuarios do centro social.
Polo que respecta á Casa do Pobo de Barbudo, o Concello de Ponte Caldelas destinará unha axuda de 10.000 euros á Asociación de Veciños O Castro que irán destinados ao pintado do edificio, moi deteriorado polo paso do tempo e a acción dos fenómenos metereolóxicos, así como á construción dun baño para uso dos veciños.
En Vilarchán, o Concello destinará uns 6.700 euros á Comunidade de Montes para que poida afrontar na planta alta do centro sociocultural existente neste lugar a substitución das ventás que están moi deterioradas.

Finalmente, a Comunidade de Montes de Rebordelo recibirá a axuda duns 2.000 euros do Concello de Ponte Caldelas para dotar de caneiros ao tellado do local social alí existente e afrontar tamén unha serie de reformas eléctricas que favoreza o uso deste edificio polos veciños e entidades sociais do lugar. No seu día o Concelloxa colaborara na súa construción.
Despois desta aprobación e durante o mes de febreiro formalizaranse os correspondentes convenios para que se poidan iniciar xa as obras ou as actuacións previstas. Todas estas actuacións foron solicitadas por representantes destes lugares ao alcalde durante o ano 2014.
O Concello de Ponte Caldelas, co fin de favorecer a existencia de locais sociais en condicións de uso e habitabilidade nos distintos lugares que compoñen o municipio, está a levar a cabo dende hai anos un esforzo económico importante para que todos os veciños, independentemente de onde residan, poidan dispoñer dun centro sociocultural onde reunirse e realizar actividades formativas, de ocio, etc.
Ao longo dos últimos anos, o Concello de Ponte Caldelas levou iniciativas similares en centros de titularidade municipal como o da Roca, Forzáns ou Chaín onde con axuda de fondos doutras administracións se puideron levar a cabo actuacións importantes. Tamén colaborou vía subvención noutros centros de titularidade veciñal a través de convenios como o asinado no ano 2013 coa Asociación de Veciños de Taboadelo a través do cal o Concellodestinou uns 30.000 euros para colaborar en reconverter a Rectoral nunha Casa do Pobo da que agora (as obras de reforma inauguráronse en 2014) gozan os veciños.

Deja un comentario