+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Marzo de 2019

FEIJÓO ANUNCIA QUE NAS VINDEIRAS SEMANAS SE AMPLIARÁ O BONO COIDADO PARA CUBRIR TAMÉN OS SERVIZOS DE LUDOTECAS E OUTROS ESPAZOS INFANTÍS


Di que o fomento da conciliación seguirá a ser unha das grandes prioridades: con máis prestacións, con máis facilidades como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade dos empregados públicos, e con máis prazas de gardería
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que nas vindeiras semanas se ampliará o Bono Coidado para cubrir tamén os servizos de ludotecas e outros espazos infantís.

Durante unha visita ás instalacións da escola infantil A Galiña Azul da Estrada, Feijóo aseverou que o fomento da conciliación seguirá sendo unha das grandes prioridades da Xunta: con máis prestacións, como a Tarxeta Benvida, que cun orzamento de 36 millóns de euros en 2019, acaba de mellorarse para poder ser solicitada durante o embarazo; con máis facilidades para que os empregados públicos concilien mellor a vida persoal e laboral, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade; e con máis prazas de gardería e recursos de conciliación innovadores, como as casas niño, das cales está a piques de resolverse a terceira convocatoria.

Así mesmo, fixo fincapé en que “o Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias” e precisou que nesta nova convocatoria se investirán 1,2 millóns de euros ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban.

Sobre este punto, o titular do Executivo autonómico salientou que a deriva demográfica é un problema estrutural de primeira orde para a nosa Comunidade e apelou ao compromiso e á implicación de todas as administracións –local, provincial, autonómica e estatal-, e ao conxunto da sociedade galega, especialmente do tecido empresarial, tanto das pemes como das grandes empresas.

“Temos que seguir traballando sen descanso para poñer todos os recursos ao servizo das familias que queiran ter fillos, para que ter un fillo en Galicia non sexa un problema, nin familiar, nin económico, nin laboral. Ese é o noso obxectivo”, aseverou, insistindo na necesidade de políticas de natalidade estatais concretas; de políticas europeas que teñan reflexo nos fondos europeos da vindeira década; e da implicación do tecido empresarial e económico.

“Estamos a falar dun reto moi complexo onde non hai fórmulas máxicas”, abundou, facendo fincapé na importancia de que as empresas asuman dentro das súas prioridades a conciliación como un compromiso de responsabilidade social, corporativa e económica, e destinen parte da súa acción social a este eido.

En relación á escola infantil A Galiña Azul da Estrada, Feijóo subliñou que estas instalacións acollerán a un total de 74 nenos de 0 a 3 anos, repartidos en cinco aulas. E destacou este Concello como un exemplo do esforzo que se está a facer na Comunidade para mellorar as posibilidades de conciliación das familias. Non en van, A Estrada duplicou desde 2009 as prazas públicas de escola infantil que ofrece, ao pasar de 102 a 208, grazas á esta nova infraestrutura, ao financiamento público dunha gardería de iniciativa social e aos Bonos Concilia.

Deste xeito, o municipio rexistra neste curso unha ratio de prazas de escola infantil sostidas con fondos públicos do 52%, case 20 puntos por riba da porcentaxe mínima recomendada pola Unión Europea, que é do 33%. Melloras que van acordes ás que se están vivindo en toda Galicia, onde hoxe se ofrecen máis de 24.000 prazas públicas de escola infantil, o dobre das que había en 2009.

O presidente da Xunta concluíu resaltando ademais que esta escola infantil foi galardoada co premio Gran de Area, que recoñece cada ano as mellores obras das provincias de Ourense e Pontevedra. “Estamos a falar dunha escola infantil que consegue conxugar dúas das grandes prioridades deste Goberno: por unha parte, acadar unha Galicia cunha paisaxe máis harmónica, na cal as edificacións se integren con naturalidade no territorio; e, pola outra, conseguir unha Galicia que responda mellor ás necesidades de conciliación das familias”, afirmou.

Deja un comentario