+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Marzo de 2019

A ESCOLA DE ATLETISMO GUSTAVO DACAL BOTA A ANDAR


Os nenos/as de Ponte Caldelas inician os adestramentos
A Escola de Atletismo Gustavo Dacal xa é unha realidade. O primeiro grupo de nenos e nenas de Ponte Caldelas comezou onte os adestramentos cunha sesión celebrada entre o pavillón municipal de deportes e o campo de fútbol de Chan da Barcia.
O primeiro grupo de 25 novos atletas foi recibido polo alcalde, Andrés Díaz, e o secretario do club de Atletismo Rías Baixas, Jesús Cortegoso, así como o adestrador, Adrián Pérez, campión de España universitario dos 100 metros lisos.
A primeira escola deportiva dedicada ao atletismo da historia de Ponte Caldelas nace co nome de Gustavo Dacal, lanzador de xavelina, ex-recordman nacional e actualmente adestrador da selección mexicana, quen non descarta incorporarse ao proxecto máis adiante, pois ten contrato en vigor coa Federación Mexicana.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) impulsou especialmente este proxecto nun intento por diversificar a práctica deportiva e ir máis alá do fútbol. Para elo organizou, xunto co club Rías Baixas, unha rolda de presentación polos centros educativos.
Os rapaces e rapazas inscritos adestrarán os martes en Ponte Caldelas e os xoves no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. O Concello colaborará inicialmente cedendo as instalacións e agarda que este proxecto formativo se consolide.
As familias interesadas en iniciar aos seus nenos/as na práctica do deporte do atletismo aínda están a tempo e só teñen que dirixirse ao Concello, pero tamén poden chamar ao teléfono 646 325 994 para inscribirse ou aclarar calquera tipo de dúbida.

Deja un comentario