+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

Porriño acolle este fin de semana a segunda edición da feira de vodas “LouroBodas”


O salón do Restaurante Manolo volve abrir as súas portas para converterse nun grande escaparate das últimas tendencias do mundo das vodas, onde 22 firmas ofrecerán os produtos e servizos necesarios para dar o “se quero” ao grande

Este fin de semana Porriño será, por segundo ano consecutivo, cita obrigada para todos aqueles que teñan pensado casarse. O salón do Restaurante Manolo abre as súas portas este sábado e domingo, 31 de xaneiro e 1 de febreiro, para celebrar a segunda edición da Feira de Vodas de Porriño”LouroBodas”, converténdose novamente nun grande escaparate onde poderemos encontrar todo tipo de propostas relacionadas co mundo das vodas. 22 firmas mostrarán os seus produtos e servizos para que os futuros noivos poidan encontrar unha oferta de calidade que se axuste ao seu presuposto. Servizos fotográficos, ornamentación floral, moda, xoiaría, gastronomía, peiteado ou transporte son algunhas das propostas que “LouroBodas” pon á nosa disposición, así como unha ampla oferta das últimas tendencias do sector para conseguir que tan sinalado día saia á perfección. Os asistentes tamén poderán gozar de exhibicións en directo de baile, moda, peiteado ou coctelería.
José Manuel Fernández, organizador do evento, quere animar os futuros noivos a achegarse a Porriño este fin de semana e gozar destas xornadas, ademais destaca que “haberá importantes descontos naqueles produtos e servizos que sexan contratados durante os días que dure a feira, ademais de sortear entre os asistentes 2000 euros en promocións das firmas participantes,”.
Os 22 postos estarán abertos ao público dende as 11:00 horas ata as 21:00 horas. A entrada á feira é gratuíta e para que poidamos gozar dunha produtiva xornada sen que os máis pequenos se aburran, a organización dispoñerá inchables gratuítos e actividades de globoflexia.

Deja un comentario