+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Xaneiro de 2019

PIÑEIRO AGARDA QUE A RESTAURACIÓN DO ANTIGO MERCADO DE MORAÑA REMATE EN PRIMAVERA TRAS COMPROBAR QUE AVANZA EN PRAZO


A alcaldesa garante, tras unha visita técnica, que o recinto estará a pleno rendemento para o inicio do curso e as actividades en setembro

 

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, realizou unha visita técnica ás obras de restauración do antigo mercado municipal cando se cumpren tres meses do inicio das mesmas e, tras supervisar a actuación e departir cos responsables dos traballos, amosouse confiada en que estará rematada para a vindeira primavera, xa que está avanzando nos prazos previstos.

A rexedora expresou a súa satisfacción polo resultado inicial das obras realizadas ata a data e explicou que, se segue sen haber contratempos, o recinto estará funcionando no arranque do vindeiro curso: “Todo vai ben, e é algo a destacar nunha obra deste calado, polo que contamos que o edificio quede completamente restaurado para a primavera, co cal poderemos empregar o verán para botalo a andar co obxectivo de que as instalacións estean a pleno rendemento para o inicio das actividades, cursos e demais eventos sociais no mes de setembro”.

Iso si, e dado que estará listo en poucos meses, non se desbota que poida ser utilizado durante o verán nas iniciativas propias da época estival ou incluso nas actividades complementarias á Festa do Carneiro ao Espeto, que este ano alcanzará o 50º aniversario.

A obra que se está a acometer no antigo mercado municipal de Santa Lucía, orzamentada en 889.000 euros e que conta co financiamento da liña de subvencións para investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial impulsada pola Deputación de Pontevedra, consiste na rehabilitación deste inmoble para a súa reconversión nun moderno centro sociocultural e multiusos que dará cobertura ás moitas actividades da dinámica vida social do municipio.

A actuación contempla a restauración integral do edificio respectando e mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando no seu interior un amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería, entre outros.

Deste xeito, completarase a recuperación total deste emblemático inmoble de Santa Lucía despois de que recentemente se repuxera unha nova cuberta cun investimento duns 250.000 euros aportado integramente pola Xunta.

Deja un comentario