+034 986 09 02 04 Venres 18 de Xaneiro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ABERTO O PRAZO PARA QUE OS CONCELLOS DA PROVINCIA SOLICITEN AXUDAS PARA ACTUACIÓNS NO PATRIMONIO HISTÓRICO E CULTURAL


Esta liña de axudas, creada no ano 2016 polo departamento de Cultura e Lingua, leva destinados máis de 2 millóns de euros á recuperación e rehabilitación do patrimonio de titularidade municipal e á súa adecuada sinalización
Poderán concorrer a esta convocatoria todos os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes e o prazo de solicitudes remata o 8 de febreiro
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases das axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dirixidas aos concellos da provincia, cuxo prazo de solicitude rematará o 8 de febreiro. Ao igual que en convocatorias anteriores, poderán presentar solicitudes todos os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes co obxecto de recuperar e rehabilitar deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
Nesta convocatoria, o departamento provincial de Cultura e Lingua destinará a esta liña de axudas un orzamento de 400.000 euros, que sumado aos dos anos anteriores supón un investimento de 2.055.000 euros no conxunto do actual mandato –hai que lembrar que estas axudas foron creadas polo actual goberno provincial no ano 2016- . Esta liña de subvencións contempla tres apartados: a adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia; a restauración dos bens inmobles, conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico; e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural. As actuacións subvencionables poden incluír propostas de obras de conservación, restauración e sinalización. Considéranse obras de conservación as que teñan como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, sexan reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que deriven de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico.
Por obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función. Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas, peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Tamén contempla como subvencionables as obras de sinalización dos ben inmobles, e os estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde inclúe ademais os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización, coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.
Tanto para as obras de conservación como para as de restauración deben aplicarse criterios nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. No suposto de adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, durante un período non inferior a cinco anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público, nin a dous para o resto dos bens.
Mentres, os tipos e as medidas dos paneis informativos quedarán suxeitos ás necesidades e á contorna, respectando a normativa vixente. Para os paneis interpretativos deberán empregarse materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo, e que harmonicen coa contorna. No caso dos cambios de sinalización por reposición de sinais nos núcleos urbanos, deberán respectarse as directrices establecidas nas respectivas ordenanzas municipais.
Do orzamento total desta liña, un importe fixo de 200.000 euros repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas axudas. Os outros 2o0.000 euros serán repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40% destinarase ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes. No suposto da non existencia de solicitudes por algún dos concellos incluídos nestes grupos procederase a unha nova redistribución das cantidades iniciais, trasladándollo aos concellos solicitantes para os efectos oportunos. Ademais, a concesión destas axudas é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, sempre que o conxunto de todas elas non supere o 100% do custo do investimento.

Deja un comentario